- Os proxectos de acondicionamento de parques, fontes, lavadoiros e outros espazos son promovidos por veciños de diferentes aldeas e tamén por centros educativos
- O Concello aporta os materiais para executar as actuacións e outorgará premios de ata 500 euros

Valga, 8 de agosto de 2024.
Unha trintena de colectivos e comisións veciñais participan este ano no concurso “Embelecer Valga” cos seus proxectos de mellora e acondicionamento de espazos e dotacións públicas, co obxectivo de ser proclamados coma o lugar máis fermoso.
Os inscritos e os seus respectivos proxectos son:
- Modalidade “Obra nova”:
 - A Medela: acondicionamento de terreo e construción de muro xunto á fonte
 - Balleas: limpeza e restauración do pilón e creación de xardín
 - Devesa: Recuperación do parque infantil, colocación de xogos e peche
 - Cerneira: Acondicionamento, dotación de mobiliario, limpeza e embelecemento da fonte, do barral e do quinteiro de abaixo
 - Laxes: recuperación do parque “Pozo da lameira”
 
- Modalidade “Mantemento”:
 - A Medela: acondicionamento da fonte
 - Avenida da Coruña: limpeza, arranxos e mantemento do parque
 - Balleas: posta a punto do parque
 - Barcia: mantemento do parque
 - Barro: acondicionamento do parque
 - Beiro: lavadoiro, parque a agro de arriba
 - Campaña: traballos de conservación do campo da festa e do parque
 - Canle: acondicionamento do parque
 - Carballiño: mantemento e colocación de mobiliario no parque
 - Cimadevila: parque do Souto
 - CODI: Creación de Xardín e colocación de mobiliario
 - Colexio Baño Xanza: acondicionamento de distintos espazos do colexio
 - Colexio Ferro Couselo: melloras no recinto educativo
 - CRA de Valga: melloras nos patios e nos espazos escolares
 - Eiras: remate da balaustrada do lavadoiro
 - Eirexe (Campaña): adecentamento da contorna da igrexa parroquial
 - Ferreirós: acondicionamento de talude na estrada PO-190
 - Gándara: melloras no parque
 - Miradoiro da Perdiz: mellora da zona con mobiliario e acondicionamento de talude
 - Pontevalga: embelecemento da Praza do Souto
 - Raxoi: mantemento da fonte
 - San Miguel: acondicionamento da contorna da fonte, marquesiña e cruceiro
 - Vilar – Parque: traballos de mantemento
 - Vilarello: actuacións no lavadoiro, no parque, na marquesiña e na casa veciñal
 
Para participar no certame tiveron que formar unha comisión e presentar unha memoria descritiva das accións de mellora a desenvolver e os materiais que estiman precisos, ademais dunha reportaxe fotográfica do estado no que se atopa o lugar no que se levarán a cabo as actuacións. O Concello aportará o material para a execución das obras, que terán que estar rematadas na penúltima fin de semana de agosto, cando terá lugar a visita do xurado.
Á hora de outorgar os premios valoraranse aspectos como adecuación final á memoria presentada, a orixinalidade e a creatividade nos deseños e elementos decorativos, o aproveitamento dos recursos e materiais da zona, a conservación e deseño de espazos verdes coma xardíns e áreas recreativas, a recuperación de elementos existentes no lugar e o fomento da cultura e da tradición locais.
O proxecto mellor valorado na categoría de “Mantemento” será gratificado con 500 euros, o segundo levará 300 euros e o terceiro, 200 euros. Na modalidade de “Obra nova” os premios serán de 300, 200 e 100 euros. O resto de comisións participantes recibirán 100 euros.
Os gañadores daranse a coñecer o día 31 de agosto durante a celebración da XXXIV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
Este certame, que anualmente é convocado polo Concello, pretende implicar á veciñanza no coidado e rehabilitación de espazos e zonas comúns do municipio para o seu posterior desfrute por parte de toda a poboación.

										
										
										






