Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O cociñeiro lalinense empregou o peixe do Ulla para elaborar catro receitas con base tradicional pero que tamén sorprenderon

- Unhas trinta persoas, de Valga e doutras localidades galegas, asistiron á demostración de cociña en directo

Destapa24 1

Valga, 7 de agosto de 2024.

A anguía é a raíña da mesa en Valga durante o mes de agosto e así quedou demostrado onte no showcooking “Destapa Anguía”, o primeiro desta cuarta edición do Agosto Gastronómico.

A demostración de cociña correu a cargo do chef lalinense Álex Iglesias, que introduciu o peixe do Ulla en catro elaboracións baseadas na tradición gastronómica de Galicia pero que tamén sorprenderon pola combinación de ingredientes e sabores. “Elexín elaboracións que son bastante habituais pero ás que lles din un toque diferente”, para ir evolucionando nos próximos showcooking cara a receitas máis vangardistas.

O cociñeiro apuntou, durante a actividade, que a anguía “forma parte dos pratos máis tradicionais da cociña galega, xunto co polbo, o churrasco ou o cocido, pero lamentablemente as novas xeracións están perdendo o costume de consumila”. Por iso, considera, as actividades promocionais son un bo punto de partida para recuperar o produto, “demostrándolle á xente que a anguía non só pode facerse frita con patacas ou pementos, senón que ofrece múltiples posibilidades”.

E, para mostra, as catro receitas que preparou onte: unha ensalada de escabeche branco de anguía con froitos secos salteados; unha tosta de aguacate e anguía aliñada con mostaza e un toque picante; unha mestura de sabores a base de morcilla, tomate e anguía; e, por último, unha fabada que, ademais de anguía, incluía touciño crocante e caldo de cocido.

Unha trintena de persoas asistiron á masterclass de Álex Iglesias, moitas delas de Valga, pero outras chegadas dende localidades veciñas coma Pontecesures e tamén de Vilagarcía, Pontevedra, A Estrada ou Santiago.

Os showcookins continúan o vindeiro martes, día 13, coa actividade “A caña no prato”, na que se elaborarán catro receitas con augardente e para a que xa están todas as prazas cubertas. Mañá abre o prazo de inscrición na demostración “Universo Anguía”, programada para o 20 de agosto, e para despedir o “Agosto Gastronómico”, o día 27 terá lugar unha sesión de coctelería con caña do país.

Estas actividades son gratuítas pero solidarias, polo que para asistir cada persoa ten que aportar un quilo de alimentos non perecedoiros que serán doados ao departamento municipal de Servizos Sociais para repartir entre as familias máis desfavorecidas.

Destapa24 2 Destapa24 3

Volver