- O neno do Sixto foi o vencedor, por segundo ano consecutivo, do concurso cun debuxo que representa o escudo do concello, do que emerxen varias anguías, un alambique e outros símbolos de Valga
- Susana Castaño, de Coto, e Sergio Galán, de Eiras, acadaron o segundo e terceiro premios
Valga, 6 de agosto de 2024.
Lois Tasende Gómez, de 11 anos e veciño do lugar de Sixto (Xanza), será o autor que firme, un anos máis, o cartel anunciador da XXXIV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Por segundo ano consecutivo, Lois resultou gañador do concurso artístico convocado polo Concello para elixir o cartel da celebración gastronómica, que se celebra vindeiro 31 de agosto e que está declarada de Interese Turístico de Galicia.
A obra, que se presentou baixo o lema “Valga enfeitiza coa súa caña e anguía”, destaca polo seu colorido e alegría, que lle imprimen un carácter festivo acorde ao evento que se quere promocionar. Representa o escudo oficial do Concello, que aparece desintegrado. Na parte inferior recoñécense o río Valga e a ponte que o atravesa e, na superior, a coroa. Do centro emerxen algún dos símbolos, infraestruturas e persoeiros máis importantes de Valga, coma o carneiro, a Casa do Concello e a Bella Otero. E tamén produtos enxalzados na festa: as anguías e un alambique para destilar a caña do país.
O segundo premio foi para Susana Castaño Campos, do Coto (Campaña), cun debuxo do Parque Irmáns Dios Mosquera. Entre os elementos principais atópanse as anguías nas augas do río Valga, un cañeiro elaborando augardente artesanal e tamén o Centro de Interpretación da Caña.
O terceiro premio recaeu en Sergio Galán Susavila, de Eiras (Cordeiro), que presentou unha pintura do Miradoiro da Perdiz de Vilar con dúas anguías enroscadas e un alambique.
O xurado encargado de determinar os premiados reuniuse esta mañá e estivo integrado polos concelleiros de Cultura e Turismo, Pedro Calvo e Malena Isorna, e polo técnico municipal de Cultura Santiago Chenlo. Os tres galardoados recibirán premios de 150, 100 e 75 euros, respectivamente, así como un trofeo, que lles serán entregados o vindeiro 31 de agosto no transcurso dos actos da XXXIV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.
Ao concurso para elixir o cartel anunciador concorreron un total de doce obras. As bases establecían que as obras tiñan que facer referencia aos produtos postos en valor na festa –a anguía e a caña– ou a elementos esenciais nos procesos de obtención dos mesmos. Non se establecían limitacións de técnicas a empregar súa, pero si tiñan que incluír obrigatoriamente o escudo do Concello e o texto “XXXIV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Agosto 24, 25, 29, 30 e 31 e 1 de setembro”.