- Na zona perviven as ruínas dunha antiga instalación portuaria vencellada á actividade industrial de Novo y Sierra
- Na sesión ordinaria darase conta da liquidación do orzamento de 2017, cun remanente de tesourería de máis de 500.000 euros
Valga, 9 de maio de 2018.
O grupo de goberno leva a Pleno o vindeiro luns o proxecto para a creación dun embarcadoiro en Campaña destinado, fundamentalmente, ao seu uso por parte de embarcacións turísticas. Na zona aínda perviven as ruínas dun pequeno peirao no que antiguamente se cargaban embarcacións con arxila e pezas de cerámica fabricadas na factoría Novo y Sierra.
O proxecto, redactado por Portos de Galicia, propón a rehabilitación daquela pequena estrutura portuaria co fin de permitir o atraque aos catamaráns e embarcacións turísticas que operan na Ría de Arousa e no río Ulla e atraer, así, un fluxo de visitantes que cheguen ao municipio por vía fluvial. As obras consistirán no acondicionamento desta zona de ribeira con pavimento de adoquín e a instalación dun pantalán de 42 metros de longo con pavimento de madeira e varanda de aceiro inoxidable. Ao final da pasarela colocarase unha plataforma flotante de 24 metros de longo por 3 de ancho. Esta plataforma será a que permita o atraque dos catamaráns.
O embarcadoiro irá dotado con cornamusas de aluminio para o amarre das embarcacións proxectándose, ademais, o acondicionamento dun acceso por estrada ao lado da depuradora. Ademais da aprobación do proxecto, o Pleno votará a solicitude de autorización á Xefatura Provincial de Costas do Estado para a instalación do pantalán por parte de Portos de Galicia.
Na sesión ordinaria tamén se dará conta da liquidación do orzamento do exercicio económico 2017, que se saldou cun remantente de tesourería que supera os 500.000 euros. "Como o Concello de Valga cumpre con todas as normativas impostas polo Ministerio de Facenda, pode destinar estes cartos ás obras, servizos ou actuacións que crea convinte”, destaca o alcalde, José María Bello Maneiro.