- O motor do bombeo existente en Carracido apareceu queimado pola acumulación de toalliñas hixiénicas
- O alcalde pide aos veciños que eviten esta práctica: “Temos que concienciarnos, non custa nada tíralas no cubo do lixo”
Valga, 5 de agosto de 2024.
Operarios do Concello veñen de detectar unha nova avaría na rede de saneamento a causa da acumulación de materiais non biodegradables, nomeadamente toalliñas hixiénicas, compresas e outros plásticos.
O motor do bombeo existente no lugar de Carracido queimouse, provocando os conseguintes problemas na rede municipal e obrigando a intervir ao persoal do departamento de Obras para resolver a avaría. Esta situación vense repetindo dende hai anos en distintos puntos da rede de saneamento, xerando danos ambientais polos vertidos e tamén un sobrecusto para as arcas municipais.
É por iso que, unha vez máis, dende o goberno municipal solicítase aos veciños que eviten tirar polo inodoro materiais que non son biodegradables para evitar que sigan producíndose atrancos nas tubaxes e nos bombeos. “Temos que concienciarnos de que se trata dun problema grave. Non nos custa nada botar estes residuos ao cubo do lixo en lugar de tiralos polo inodoro”, recalca o alcalde, José María Bello Maneiro.