Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O chef Álex Iglesias, do restaurante arzuán Dúas Liñas, estivo á fronte desta actividade

- O “Agosto Gastronómico” ten aberta a participación nos certames de fotografías e receitas e o vindeiro martes realizarase o primeiro showcooking

ObraCociña24 1

Valga, 2 de agosto de 2024. 

O “Agosto Gastronómico” xa está en marcha. O obradoiro infantil de cociña celebrado onte no Centro de Interpretación da Caña do País foi o punto de arranque da programación que se desenvolverá durante as vindeiras catro semanas para promocionar os dous produtos que se enxalzan na Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

O chef Álex Iglesias, do restaurante arzuán Dúas Liñas, estivo á fronte do taller no que máis de trinta cativos de entre 5 e 12 anos puxeron o mandil e o gorro de cociñeiros para elaborar un menú que incluíu un prato salguado, hamburguesas de anguía, e un doce, biscoitos.

Para preparar as hamburguesas os pequenos chefs elaboraron o seu propio pan, dándolle forma á masa, e tamén o recheo. Para este último tiñan que empregar obrigatoriamente anguía que despois puideron combinar ao seu gusto con outros ingredientes coma carne, ovo, queixo, pemento, tomate, leituga… entre outros.

A continuación chegou o momento da repostería. Empregando como base un biscoito, os rapaces decorárono empregando froitos vermellos, froitos secos, guindas e larpeiradas coma chocolates de cores ou nata.

O resultado foi delicioso, e algúns dos participantes non tardaron en botarlle o dente ás dúas elaboracións.

O “Agosto Gastronómico” continúa o vindeiro martes co showcooking “Destapa anguía”, para o que xa están todas as prazas cubertas. Tamén está aberto o prazo de inscrición nos concursos de fotografía e de receitas con caña e anguía.

Todas as actividades do “Agosto Gastronómico” teñen un carácter solidario e para participar hai que doar un quilo de alimentos non perecedoiros que os Servizos Sociais repartirán entre as familias que o precisan.

ObraCociña24 2 ObraCociña24 3

Volver