- O adestrador e dous deportistas valgueses do club realizaron xogos e actividades cos cativos
- Esta disciplina deportiva simula o rescate de persoas tanto en piscina como en praia
Valga, 31 de xullo de 2024.
A quenda de xullo da Escola de Verán péchase hoxe e, como despedida, onte recibiron a visita de varios representantes do Club Acuático Umia para realizar diversas actividades relacionadas co salvamento. O adestrador, José Ramón Rei, e dous dos deportistas valgueses que forman parte do club, os irmáns Hugo e Elia Loureiro, estiveron cos rapaces para explicarlles en que consiste o deporte que practican, o salvamento acuático deportivo, e para realizar xogos cos que coñecer mellor esta disciplina, que se pode desenvolver tanto en piscina como en praia e que simula o rescate de persoas empregando manequíns e sorteando obstáculos.
Son varios os deportistas de Valga que están enrolados no Club Umia, coma os citados Hugo Loureiro, que participou no último campionato de España de inverno, e Elia Loureiro, campioa galega en categoría alevín. Outro exemplo son as irmás Antía e Xiana Bouzón, que competiron na última edición do Campionato de España de verán.
En total, o club caldense conta con 130 deportistas con licenza en categorías dende alevín (7-8 anos) ata máster (maiores de 30), entre eles a campioa do Mundo en 2018, Antía García. Ademais de participar nas competicións reguladas polas federacións galega e nacional, tamén organiza actividades que fomentan o deporte en xeral e o salvamento acuático en particular. Contan con escolas deportivas tanto en Caldas coma en Padrón e, para o vindeiro mes de setembro, teñen organizadas unhas xornadas de portas abertas.