Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A proposta vencedora na segunda modalidade é un traballo sobre a autarquía en Valga, a cargo de Gael Uxío Proupín Cantelar

- O certame que trata de incentivar os estudos actuais de investigación, cumpre 25 anos

premioferrocouselo

Valga, 30 de xullo de 2024.

Coincidindo co 118 aniversario do nacemento de Xesús Ferro Couselo, que se celebra hoxe, 30 de xullo, dáse a coñecer o fallo da XXV edición do premio que leva o seu nome. O investigador Xosé Xerardo Pereiro Pérez (Vila Real – Portugal) é o gañador da primeira modalidade, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte.

Galiza S.A. foi o lema baixo o que concorreu ao certame, co ensaio titulado “Antropoloxía dos discursos sobre as identidades galegas”. Neste traballo, que será publicado polo Concello, analízanse “os discursos, relatos, representacións e interpretacións eruditas, intelectuais e populares sobre a identidade galega”, tendo en conta cuestións coma a instrumentalización da cuestión indentitaria, a súa mercantilización ou a influencia da globalización. “Quen somos, como nos vemos, como somos vistos, como nos representan e representamos, pero tamén cales poden ser os futuribles da identidade colectiva galega nun mundo global como o de hoxe”, son cuestións que se tratan neste estudo, explica o autor no limiar. O xurado, nas súas deliberacións, destacou deste traballo que se aparta dos estudos antropolóxicos tradicionais ao incorporar novas perspectivas e metodoloxías novidosas.

Xerardo Pereiro é “doutor europeo” en Antropoloxía Sociocultural pola Universidade de Santiago de Compostela,  “agregado” en Antropoloxía polo Instituto Superior de Ciências do Trabalho e da Empresa de Lisboa e tamén “doutor internacional” en turismo pola Universidade de La Laguna (Tenerife). Na actualidade é profesor titular de Antropoloxía en la Universidade portuguesa de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD). Entre os premios e distincións que ten recibido destacan o Premio Vicente Risco de Antropolocía e Ciencias Sociais en 1994 ou o premio FITUR 2007 de investigación turística, finalista do premio Ángel Carril 2010 de Antropoloxía, e premio Gabriel Escarrer - Sol-Meliá 2011 de estudos turísticos.

Bolsa de estudos valorada en 3.000 euros

En canto á segunda modalidade do Premio, o gañador da bolsa de estudos por valor de 3.000 euros foi Gael Uxío Proupín Cantelar, natural de Brión e residente en Santiago. A temática da súa proposta é “Valga na autarquía: día a día dun concello fronte a un modelo económico imposto”. Gael Proupín pretende levar a cabo unha investigación sobre as repercusións que tivo no noso concello a implantación, trala Guerra Civil, do sistema económico da autarquía, baseado na autosuficiencia e no control, por parte do Estado, da produción, o prezo e o abastecemento dos produtos.

O funcionamento de institucións coma a Junta Agrícola Local de Valga ou a Delegación de Abastecimientos de Valga, as estratexias dos labregos reticentes á entrega forzosa de cotas ou o fenómeno do mercado negro son algunhas das cuestións que abordará este estudo.

O xurado do Premio Ferro Couselo estivo integrado por Xulio Rodríguez González, facultativo do Corpo Superior de Museos; Pegerto Saavedra Fernández, Catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago; Marcial Gondar Portasany, Catedrático de Antropoloxía da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación da USC; e Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e neto de Xesús Ferro Couselo. Reuníronse onte de xeito telemático para deliberar sobre os oito traballos presentados ao certame: seis á primeira modalidade e dous na segunda. Na xuntanza tamén participaron o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, e dous técnicos municipais: Santiago Chenlo e Vanessa Losada, que exerceu de secretaria.

Volver