Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O cuarteto de voces e guitarra actúa o día 26 a partir das 20 horas

- O seu repertorio divertido e cheo de retranca inclúe versións de temas de éxito mundial

Vacas22

Valga, 9 de maio de 2018.

O grupo De Vacas protagonizará a actuación musical estelar da Recreación da Batalla de Casaldeirigo, que se celebra o vindeiro 26 de maio. O cuarteto formado polas vocalistas Paula Romero, Inés Salvado e Faia Díaz e que completa o guitarrista Guillermo Fernández, actuará ás 20 horas no palco de pedra tradicional emprazado no adro da Capela da Saúde, co seu repertorio divertido e versións cheas de retranca que son o seu sinal de identidade.

De Vacas acadou o éxito “transformando” cancións de éxito e estrofas cantaruxadas por todos, dende as Spice Girls a “El taxi” ou ao “Gangnam Style”. Pero, sen dúbida alcanzaron o clímax co videoclip do “Amodiño”, a súa particular versión do “Despacito” de Luis Fonsi, que se converteu nun fenómeno viral.

Veñen de facer una xira de 120 concertos por toda a xeografía galega, enchendo prazas e teatros, actuando en verbenas e grandes festivais e facendo bandas sonoras para programas de televisión e radio e músicas para anuncios publicitarios. Non só iso, senón que gañaron os Premios Martín Codax da Música en 2016, puxeron voz ao himno do Festival de Cans e Real Academia Galega encargoulles a creación dun tema homenaxe a Emilia Pardo Bazán.

Na cúspide do seu éxito, De Vacas chegan a Valga para seguir provocando coa súa música.

 

Vacas1

Volver