Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O cociñeiro de Lalín, formado en restaurantes con estrelas Michelin, ofrecerá catro showcookings e estará á fronte da degustación na XXXIV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País

- A programación arranca o xoves cun obradoiro infantil e tamén haberá demostracións de coctelería e de cociñado en vivo

AlexIglesiasCociñeiro

Valga, 30 de xullo de 2024.  

As actividades do Agosto Gastronómico, que dan comezo este xoves cun obradoiro infantil de cociña, terán este ano á fronte ao chef lalinense Álex Iglesias. Formado en recoñecidos restaurantes con estrelas Michelin, coma Martín Berasategui ou Mugaritz, está agora á fronte do seu propio proxecto de hostalería, Dúas Liñas, en Arzúa, no que “con produtos locais elaboramos receitas modernas como hamburguesas ou salchichas. Pratos de fast food pero con produtos de calidade”. Con anterioridade tamén foi xefe de cociña no restaurante Cabanas, na súa terra, Lalín, e fixo incursións na televisión coma o programa “Tupper Club”, da TVG, do que foi presentador.

“Meus pais levan no mundo da hostalería dende ano 74, así que eu crieime detrás dunha barra e con clientes arredor”, explica. “Aos 16 anos decidín que quería dedicarme a isto e, despois de estar nos negocios familiares, orientei a miña carreira cara a cociña”. Agora enfróntase ao reto de promocionar a versatilidade de dous produtos coma a anguía e a caña do país a través de actividades coma obradoiros, demostracións de cociña en directo, sesións de coctelería e ata un concurso.

- Cales son as posibilidades que ofrecen este peixe e máis a augardente á hora de poñerse diante dos fogóns?

- Aínda que a receita máis tradicional é frita, a anguía, como calquera tipo de peixe, ofrece moitas alternativas á hora de cociñala: afumada, con escabeches, en conserva, á brasa… É un produto moi versátil pero que, quizais debido á súa imaxe, con forma de serpe, ás veces non é ben recibida e tira un pouco para atrás á xente. No momento en que a modificas e o cliente a proba, directamente descarta ese pensamento que tiña na cabeza.

E a caña non deixa de ser un destilado máis, que aporta moitos aromas. Eu emprego bastante a de herbas para realizar prebes ou flamexados, dá un toque diferente.

- Nas vindeiras semanas realizaranse no Centro de Interpretación da Caña varias demostracións culinarias e de coctelería con estes dous produtos. Que poden esperar os asistentes?

- A idea é que a xente coñeza maneiras diferentes de elaborar receitas con anguía, de introducir a augardente nos pratos e de elaborar cócteles con caña. No que respecta á anguía, incluso se explicarán maneiras para conservala e sen esquencer algunhas das preparacións máis tradicionais, coma a frita, pero dándolle unha volta para que se vexa que non é só botala en aceite.

En canto á demostración de coctelería, hai que ter en conta que a caña, como dixen antes, non deixa de ser un destilado máis, coma o brandy, o vodka ou a xenebra, e ten moitas posibilidades de mistura. Imos explicar catro propostas moi diferentes entre si, algunhas máis doces, outras con toque picante… A xente ten que abrir un pouco máis a mente con respecto da caña, que se asocia principalmente nao “chupito” ou ás gotas para o café. Pódense facer bos cócteles cunha caña de calidade, que ten incluso máis aromas ca outras bebidas destiladas.

- Os nenos tamén terán protagonismo no “Agosto Gastronómico”, co obradoiro infantil de cociña que se celebra o xoves. Cal é a proposta para os máis cativos?

- Cos nenos imos traballar a transformación da anguía. Como comentaba antes, a vista é moi importante e a imaxe da anguía, ás veces, tira un pouco para atrás, especialmente aos cativos. Por iso van a transformala e a crear a súa propia hamburguesa de anguía, que poderán personificar elixindo as combinacións de ingredientes que máis lles gusten. O obxectivo é que se sintan atraídos polo prato que van a construír.

- E para acabar co apartado gastronómico da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, tamén vas a encargarte de elaborar os petiscos que se poderán degustar na tarde-noite do 31 de agosto no Parque Irmáns Dios Mosquera. Cal será o menú para a xornada grande?

- Encargareime de elaborar 800 bocados que dividirei en catro receitas diferentes, combinando o tradicional coa vangarda. Xogarei con dúas receitas típicas, coma a anguía frita e en empanada, e por outra parte realizarei un guiso e unha ensalada empregando os afumados e escabeches que se explicarán nos showcookins. En definitiva, unha de cal e outra de area para que os que non se aventuran cos bocados máis modernos, sigan tendo a opción do tradicional.

AgostoGastronómico2024

 

Volver