- Mañá, coincidindo coa data de nacemento de Ferro Couselo, daranse a coñecer os gañadores
- Os premios das dúas modalidades ascenden a 7.000 euros en total
Valga, 29 de xullo de 2024.
O xurado da vixésimo quinta edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo reuniuse esta mañá de forma telemática para deliberar sobre os traballos presentados ao certame e elixir aos gañadores das dúas modalidades.
A xuntanza contou coa participación do concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, que acompañou ao membros do tribunal: Xulio Rodríguez González, facultativo do Corpo Superior de Museos; Pegerto Saavedra Fernández, Catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago; Marcial Gondar Portasany, Catedrático de Antropoloxía da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación da USC; e Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e neto de Xesús Ferro Couselo. Á reunión tamén se sumaron dous técnicos municipais, Santiago Chenlo e Vanessa Losada, que exerceu como secretaria.
Foron oito as propostas que se presentaron ao certame. Seis investigacións concorreron á primeira modalidade, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte.
Os outros dous traballos presentáronse á segunda modalidade, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, dotada con 3.000 euros.
Os gañadores das dúas modalidades daranse a coñecer mañá, día 30 de xullo, cando se cumpren 118 anos do nacemento de Xesús Ferro Couselo.
Este premio busca promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas e vén sendo convocado polo Concello dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras Galegas ao Fillo Predilecto de Valga e insigne figura da cultura galega.