- Os rapaces participaron un desfile e ata celebraron un concurso de actuacións
- A vindeira semana remata a primeira quenda das actividades de conciliación, que son gratuítas
Valga, 26 de xullo de 2024.
Os rapaces da quenda de xullo da Escola de Verán está a vivir os seus últimos días de actividades. A mediados da vindeira semana pecharán o seu ciclo no programa de conciliación, dando paso a outro grupo de nenos e mozos que pasarán pola mesma experiencia en agosto. Pero ata que chegue o relevo, tratan de aproveitar ao máximo as xornadas con iniciativas lúdicas coma a festa de Entroido que celebraron esta mañá no recinto do colexio Baño-Xanza.
Os cativos vestiron disfraces do máis variado: dende fadas e princesas, ata ladróns, pasando por estrelas do fútbol, piratas, animais, figuras do cine ou debuxos animados, entre outros. Desenvolvéronse, ademais, un obradoiro de maquillaxe e outro de tatuaxes para completar a caracterización dos personaxes e, despois, celebrouse un desfile para lucir todos os disfraces.
Durante a mañá tamén houbo tempo para o baile e ata para celebrar un concurso de actuacións co que os rapaces o pasaron en grande.