- Unha vintena de embarcacións tradicionais botáronse ao río para lembrar á escritora de “Cantares Gallegos”
- A concelleira de Turismo e a Banda Municipal, que interpretou varios temas, estiveron na botadura
Valga, 24 de xullo de 2024.
Unha vintena de embarcacións tradicionais —a maioría dornas, pero tamén bucetas ou o volanteiro Piueiro— botáronse esta tarde ao Ulla dende a praia fluvial de Vilarello na undécima edición da Inchadiña Branca Vela, promovida pola Fundación Rosalía de Castro e a asociación Dorna de Arousa en homenaxe á escritora de “Cantares Gallegos”. Foi, precisamente, no 150 aniversario da publicación desta obra, en 2013, cando se orixinou esta iniciativa como unha homenaxe das xentes do mar a Rosalía, que no seu día describiu o paso das embarcacións de vela río arriba coa seguinte estrofa:
¡Que inchadiña branca vela
antre os millos corre soa,
misteriosa pura estrela!
Dille o vento en torno dela:
«Palomiña, ¡voa!, ¡voa!»
A concelleira de Turismo, Malena Isorna, asistiu á botadura e saída das dornas que, ademais, foi amenizada pola Banda de Música Municipal de Valga, que interpretou varios temas, entre eles o himno Galego para despedir ás embarcacións. Estas puxeron rumbo a Padrón nunha singradura que estivo marcada polo intenso vento que, por momentos, dificultou a navegación a vela.