- O cociñeiro Álex Iglesias estará á fronte das demostracións culinarias nesta edición
- A programación dará comezo o día 1 cun taller de cociña dirixido a nenos de 5 a 12 anos
Valga, 23 de xullo de 2024.
O mes de agosto está ao caer e o Concello está a deseñar a programación da principal celebración do verán en Valga: a XXXIV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País e, como parte dela, as actividades do Agosto Gastronómico, que se ten convertido xa nunha cita imprescindible.
Showcookings e obradoiros tratarán de sacar, de novo, o máximo partido culinario aos dous produtos protagonistas da festa (a anguía e a augardente), e tamén haberá concursos para que todos poidan facerse partícipes da mesma.
As actividades darán comezo o día 1 de agosto, cun obradoiro de cociña para nenos de entre 5 e 12 anos, que elaborarán dous pratos: un salgado, que terá a anguía entre os seus ingredientes, e un doce. O prazo de inscrición estará aberto dende mañá e ata o 29 de xullo.
Durante todos os martes do mes desenvolveranse catro showcookings nos que se cociñarán en directo diferentes pratos, petiscos e cocteis elaborados con anguía e con caña do país. Á fronte destas actividades estará o cociñeiro Álex Iglesias, copropietario do restaurante Dúas Liñas en Arzúa. Con anterioridade foi tamén cociñeiro nos restaurantes Martín Berasategui (de 2009 a 2010, cando tiña 3 estrelas Michelin), Mugaritz (entre 2010 e 2012, con 2 estrelas Michelin) e foi tamén xefe de cociña no restaurante Cabanas, en Lalín. Tamén fixo incursións no mundo televisivo, presentando o programa “Tupper Club”, na TVG.
O primeiro showcooking, de título “Destapa a anguía”, terá lugar o día 6 e cociñaranse en directo tapas creativas realizadas con este peixe. Haberá outras tres demostracións os días 13, 20 e 27 de agosto: “A caña no prato”, na que se cociñarán catro receitas elaboradas con caña do país; “Universo anguía”, coa preparación de pratos que terán como ingrediente principal a anguía; e “Moito máis que caña”, con degustación de cócteles con augardente. Estas actividades, que se desenvolverán no Centro de Interpretación da Caña, terán un límite de prazas de 25 persoas.
Outra das propostas é o concurso “Anguía Chef”, no que se busca aos mellores cociñeiros de anguía. Equipos integrados por catro persoas competirán o xoves 22 nunha primeira proba eliminatoria na que loitarán para clasificarse para a gran final do día 23. Haberá premios para os gañadores.
Todas estas actividades son gratuítas, pero teñen un carácter solidario. Os inscritos deberán aportar un quilo de alimentos non perecedoiros que, posteriormente, se entregarán ao departamento de Servizos Sociais para a súa distribución entre as familias sen recursos.
As inscricións realizaranse cubrindo as follas de solicitude e presentándoas no Concello ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. no prazo establecido para cada actividade. As solicitudes atenderanse por orde de entrada.
Concursos de fotografías e de receitas
As actividades do “Agosto Gastronómico” complétase con dous concursos de fotografías e receitas. Ao primeiro poden presentarse imaxes relacionadas coa anguía, a caña do país e o Camiño de Santiago ao seu paso por Valga e desenvolverase a través das redes sociais Facebook e Instagram.
En canto ao concurso de receitas de anguía e caña, as persoas interesadas en participar poderán enviar a través de correo electrónico as súas propostas culinarias elaboradas con estes produtos, acompañadas dunha fotografía e unha explicación sobre a súa preparación.
Os premios de ambos certames consistirán en lotes de produtos galegos.