- As fervenzas, Mina Mercedes, o río Ulla ou o Parque Dios Mosquera son algúns dos espazos que aparecen nas obras
- Os cadros pintáronos no obradoiro de expresión artística que Ángeles Garrido imparte semanalmente no centro
Valga, 16 de xullo de 2024.
"Lugares de Valga" é a exposición que pode verse no Auditorio Municipal durante este verán; unha colección de cadros pintados polos usuarios do CODI sobre lenzo e láminas de madeira.
Os cadros amosan diferentes paisaxes e lugares do noso concello, paisaxes que os autores teñen na súa contorna máis próxima, espazos nos que adoitan pasar o seu tempo de lecer e zonas que lles inspiran e que lles gustan.
As fervenzas, a lagoa Mina Mercedes, o Muíño de Vento de Beiro, os vestixios da antiga liña de vagonetas aéreas de Novo y Sierra, o pantalán no río Ulla, a capela dos Martores, a estatua da Bella Otero no Parque Irmáns Dios Mosquera ou o Auditorio Municipal son algúns dos lugares e infraestruturas que aparecen nas obras.
Os usuarios do CODI elaboraron estes cadros no obradoiro de expresión artística que Ángeles Garrido imparte semanalmente no centro.