- A actividade gastronómica desenvolverase os días 24, 25 e 31 de agosto e o 1 de setembro, con petiscos gratuítos nos locais participantes
- Os gañadores dos Mandís de Ouro, Prata e Bronce elixiranse por votación popular e un xurado profesional escollerá a tapa que se degustará na Festa da Anguía de 2025
Valga, 11 de xullo de 2024.
A Ruta-Concurso “Tapa a Anguía”, que o Concello convoca anualmente dentro da programación da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, abre o prazo de inscrición para os bares e restaurantes de Valga que queiran participar.
A folla de inscrición poden descargala na páxina web municipal (https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes) ou solicitala nas oficinas do Concello e deben entregala no Rexistro municipal debidamente cuberta. O prazo remata o día 2 de agosto.
A actividade desenvolverase, como é habitual, as dúas últimas fins de semana de agosto, con degustación de petiscos nos establecementos participantes. As tapas, que terán como produto principal a anguía, serviranse de xeito gratuíto coas consumicións os días 24, 25 e 31 de agosto e o 1 de setembro, os sábados en horario de mediodía e tarde-noite e os domingos só ao mediodía. A parte de concurso desenvolverase durante a primeira fin de semana, quedando o 31 de agosto e 1 de setembro só como xornadas de degustación.
No referido aos premios, o público decidirá cos seus votos cales son os locais gañadores dos Mandís de Ouro, Prata e Bronce. Para participar na votación é preciso reunir os selos dos bares participantes despois de degustar as súas tapas e introducir a papeleta nas urnas habilitadas ao efecto. Entre todos os participantes sortearanse dez vales de 30 euros cada un para gastar no comercio local.
Tamén haberá un xurado profesional, que será o encargado de elixir a tapa que se degustará o vindeiro ano na Festa da Anguía.