Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As solicitudes para participar no proceso de selección poden presentarse ata o día 18 de xullo

- A cuadrilla estará formada por un xefe, un condutor e tres peóns

 

 

Valga, 10 de xullo de 2024.

O Concello, en colaboración coa Consellería do Medio Rural, contratará de novo este verán cunha brigada de loita contra os incendios forestais, que se manterá activa durante un período de tres meses e estará formada por un total de cinco operarios (un xefe de brigada, un condutor e tres peóns).

O proceso de contratación xa está en marcha e a selección realizarase mediante o sistema de concurso-oposición. Para poder aspirar á praza de xefe de brigada requírese algunhas das seguintes titulacións: enxeñeiro de montes, enxeñeiro técnico forestal, técnico superior en xestión e organización de recursos naturais e paisaxísticos, técnico en traballos forestais e conservación do medio natural ou formación profesional equivalente. Para este posto e para o de condutor tamén é necesario estar en posesión do carné de conducir tipo B.

As persoas interesadas en formar parte desta cuadrilla teñen de prazo ata o vindeiro 18 de xullo para presentar as súas solicitudes no rexistro do Concello xunto á seguinte documentación:

  • Copia do DNI
  • Diplomas de cursos
  • Tarxeta de desemprego
  • Copia do carné de conducir B (para os postos nos que é requerido)
  • Copia da titulación necesaria, no caso de xefe de brigada

A primeira parte da selección consistirá nunha proba física de esforzo realizada por unha empresa especializada e que deberán superar todos os aspirantes para poder pasar á segunda fase. Esta realizarase mediante concurso de méritos cunha proba práctica (os candidatos terán que realizar algunha tarefa propia do posto ao que se presenta) e unha entrevista persoal relativa aos coñecementos do aspirante á praza á que opta). Nesta fase avaliarase tamén a experiencia profesional que acrediten os candidatos.

Para a posta en funcionamento da brigada, o Concello a Consellería do Medio Rural asinaron un convenio de colaboración para o desenvolvemento de accións de defensa contra incendios forestais. Entre as funcións e tarefas a realizar por este retén terá prioridade a extinción de incendios forestais, pero tamén levarán a cabo labores de prevención.

Volver