Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A expedición partiu de Valga o xoves e durante a fin de semana ofreceu varios concertos na cidade e no municipio de Castelldans

- A actividade conta coa colaboración do Concello, que se fixo cargo da viaxe en autobús

BandaLleida1

Valga, 8 de xullo de 2024.
A Escola Municipal de Música trasladou durante a semana a súa actividade a terras catalás, xa que participou na décimo novena edición do Festival Internacional de Bandas de Música de Lleida, un certame que tamén contou con agrupacións chegadas dende Italia, Portugal, Alacante e Valencia e reuniu a uns 500 músicos.

A expedición valguesa, integrada por arredor de cincuenta membros entre músicos e mestres, partiu ás oito da tarde do xoves do Auditorio para participar, durante toda a fin de semana, en diferentes actividades musicais tanto na cidade leridana coma noutras localidades da contorna.

O vernes, a Orquestra Clásica de Valga ofreceu un concerto na praza da Paería, onde interpretou “Die Meistersinger”, de Wagner, “Elexía para cordas” de Tchaikovsky, o “Concerto para guitarras e orquestra”, de Mauro Giuliani, e “Sinfonía Simple”, de Benjamin Britten.

O sábado foi a quenda da Banda de Música Municipal, que protagonizou dúas actuacións. A primeira, pola mañá no Eix Comercial e, á noitiña, en Castelldans, unha localidade de menos de mil habitantes situada a uns 20 quilómetros da capital da provincial. Os temas que integraron o repertorio foron “Obertura 1812” de Txaikovski, “Romaxeando” de Rogelio Groba, “Alborada Galega” de Pascual Veiga, “A lenda de San Jordi” de Tomás Simón Plazas, e “Llevantina” de Vicenç Bou.

As dúas agrupacións valguesas estiveron dirixidas por Manuel Villar Touceda.

A estadía dos músicos de Valga en Lleida concluíu onte domingo. Pola mañá, participaron nun desfile e ofreceron outro concerto na Rambla Ferrán, no centro da cidade.

Tralo xantar, o grupo emprendeu a viaxe de regreso a Valga, a onde chegou esta mañá.

BandaLleida2 BandaLleida3

Volver