- Os nenos e mozos participaron en actividades organizadas en colaboración co Instituto Galego de Consumo e da Competencia
- Crearon os seus propios xoguetes, realizaron unha xincana e simularon un mercado no que facer a compra
Valga, 8 de xullo de maio de 2024.
A Escola de Verán desenvolveu esta mañá unha actividade en colaboración do Instituto Galego de Consumo e da Competencia para concienciar aos cativos e á mocidade sobre a importancia do consumo responsable e sostible dun xeito lúdico e, ao mesmo tempo, instrutivo. Deste xeito, do concepto de ocio responsable, traballáronse diferentes temáticas con varios grupos de rapaces, en función da súa idade.
“Xogueteando” foi a proposta dirixida aos máis cativos, entre 3 e 6 anos, e consistiu na narración dun conto baseado no consumo responsable e na idea principal de que non é preciso empregar moitos xoguetes para gozar do lecer, propoñendo outras alternativas. A continuación, nenos tiveron que crear o seu propio xoguete relacionado co relato: unha bolboreta para a que empregaron materiais coma cartolina, gomets, adhesivos con emoticonas e pinturas para facer a decoración.
Os rapaces de entre 7 e 12 anos participaron na xincana do consumo responsable, con diferentes probas. A primeira relacionada coas tres erres (reducir, reciclar e reutilizar), unha das regras básicas para acadar un consumo sostible. Tamén realizaron un xogo de palabras sobre lecer educativo e unha última proba na que tiñan que recoñecer, entre dúas imaxes, cal dela se correspondía cun consumo responsable.
Por último, os mozos máis maiores crearon un “Mercadoiro”, un mercado con produtos cotiás. Tiveron que facer unha lista da compra e, despois, acudir ao mercado tratando de adquirir o máximo número de produtos polo menor prezo.
A Escola de Verán, que o Concello organiza para favorecer a conciliación das familias durante o período de vacacións escolares, conta neste mes de xullo con arredor de noventa inscritos.