Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os participantes están a adquirir coñecementos básicos para manexar as súas finanzas domésticas de forma responsable

- Tamén se dotan de ferramentas para protexerse ante posibles fraudes

CursoFinanzas1

Valga, 5 de xullo de 2024.

A Aula CeMIT acolle dende hoxe o curso “Finanzas para todos”, impartido por persoal da sucursal do Banco de España en Galicia, co obxectivo de dotar aos participantes dos coñecementos básicos e das ferramentas necesarias para manexar as súas finanzas de forma responsable e informada.

Iria Mendes e Lois Bouza son os formadores en educación financeira encargados desta actividade, que continuará a vindeira semana con outras dúas sesións. Nelas ofrécense aos participantes consellos básicos para administrar os seus cartos ou aforrar e ferramentas para protexerse ante posibles fraudes.

Na xornada de hoxe tratouse o orzamento persoal e, relacionado con este, catro conceptos básicos: ingresos, gastos, aforro, endebedamento e inversións. O obxectivo da sesión foi que os participantes reflexionasen sobre os ingresos que entran nos seus fogares, os seus gastos fixos, as débedas que teñen –de ser o caso– e a súa capacidade de aforro, para así ser conscientes de cal é a súa situación financeira e poder mellorala.

Na segunda sesión do curso analizaranse os distintos medios de pago dos que dispoñen os consumidores, xa sexa efectivo ou dixitais. Ofreceranse consellos prácticos sobre contas, tarxetas e outras formas electrónicas de pagamento e os docentes tamén incidirán en que información se debe ter en conta á hora de financiar unha compra ou asinar ou renegociar unha hipoteca, por citar dous exemplos. As tarxetas, e moi especialmente as revolving, ocuparán un capítulo importante, posto que “son a segunda causa de reclamación ante o Banco de España”, destaca Iria Mendes.

Por último, na terceira sesión abordaranse cuestións sobre ciberseguridade e protección ante o fraude, sobre todo, no ámbito dixital, no que os consumidores están máis desprotexidos. Farase unha presentación das fraudes máis habituais para que os asistentes ao curso sexan conscientes das ameazas que existen e se doten de ferramentas de protección ante elas.

CursoFinanzas2 CursoFinanzas3

Volver