- A celebración terá lugar o día 13 de xullo e as actuacións comezarán ás 22:30 horas
- Está aberta a inscrición de equipos para participar nas Olimpíadas da Aldea, que repartirán premios por valor de 1.800 euros
Valga, 4 de xullo 2024.
A Festa da Xuventude xa conta con programación musical. Ortiga e Loita Amada serán os encargados de animar a noite do 13 de xullo na praia fluvial de Vilarello, escenario tradicional desta celebración que, ademais, ten coma outra das súas actividades centrais as Olimpíadas da Aldea.
As actuacións musicais arrancarán ás 22:30 horas co dúo Loita Armada. O dúo formado por Jásper (cantante e guitarra) e Nébeda Piñeiro (vocalista) caracterízase polo seu son ecléctico, no que mesturan o rock ou o punk coa música tradicional galega, o ska e incluso ritmos latinos.
A mesma filosofía e querenza pola fusión vén marcando a carreira do santiagués Ortiga (Manuel González) dende que empezou o seu proxecto en solitario en 2019, renovando o espírito da verbena galega con misturas de ritmos latinos e sons urbanos. Merengues, cumbias e bachatas combínanse coa música electrónica e co autotune e, para mostra, o seu último éxito: “A nosa verbena”, unha das cancións deste verán. O seu concerto en Vilarello está previsto para as doce da noite.
Inscrición nas Olimpíadas
Ademais do apartado musical, dende as 9 da mañá disputaránse na praia fluvial as Olimpíadas, nas que equipos que representan a diferentes aldeas de Valga, compiten en disciplinas coma fútbol praia, brilé, carreiras de sacos, turrasoga, carreiras de carretilla e unha xincana final.
O prazo de inscrición está aberto ata as 13:00 horas do día 10 de xullo. As follas de inscrición poden descargarse na páxina web municipal (https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes) ou recollerse en papel nas oficinas municipais. Teñen que entregarse debidamente cubertas no rexistro do Concello ou envialas por correo electrónico ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..
Segundo recollen as bases, os equipos deben estar formados por un mínimo de 4 persoas e un máximo de 6, todos a partir de 15 anos de idade. Serán equipos mixtos e contarán cun mínimo de dúas persoas de cada xénero. En todos os xogos debe haber representación de ambos xéneros.
Ademais, cada equipo deberá contar cun capitán que exercerá de representante ante a organización e cunha vestimenta que o diferencie do resto de conxuntos participantes. En caso de non tela, a organización facilitaralle petos.
En cada xogo outorgaranse as correspondentes medallas de ouro e prata aos primeiros e segundos clasificados, ademais de gratificalos con 200 e 100 euros respectivamente. En total, repartiranse 1.800 euros en premios.
Unha vez rematadas as competicións, designarase ao campión absoluto das Olimpíadas, que será o equipo que máis medallas douradas acumule. En caso de empate, terase en conta tamén o número de medallas de prata. Ademais, entregarase un trofeo á deportividade.