Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O certame repartirá tres premios por valor de 150, 100 e 75 euros

- O prazo para entregar as obras estará aberto ata o día 5 de agosto

LogoAnguía24

Valga, 3 de xullo de 2024.

Con motivo da próxima celebración da XXXIV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, declarada de Interese Turístico de Galicia, o Concello convoca o concurso artístico para elixir o cartel anunciador da programación.

Ao certame, que repartirá 325 euros en premios, poden concorrer persoas empadroadas en Valga presentando unha obra na que obrigatoriamente se debe facer referencia aos produtos que pon en valor a festa (a anguía e a caña) ou a elementos que sexan esenciais nos procesos de obtención dos mesmos.

Non se establecen limitacións de técnicas a empregar na elaboración das obras, pero si deben axustarse á medida A3 (297 x 420 mm.) e ter orientación vertical. Deben estar elaboradas sobre algún soporte bidimensional coma lenzo, cartolina ou papel, entre outros. Os orixinais deben incluír o escudo oficial do Concello de Valga e o texto “XXXIV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Agosto 24, 25, 29, 30 e 31 e 1 de setembro ”.

As obras non poden ser asinadas polo autor para garantir a imparcialidade do concurso, senón que deben presentarse baixo un lema ou pseudónimo. Unha vez desvelados os gañadores, estes poderán proceder á sinatura das obras se así o consideran, debendo comunicalo expresamente no Concell.

Xunto co deseño orixinal, os participantes teñen que presentar no rexistro do Concello un sobre pechado e introducir no seu interior a folla de participación debidamente cuberta cos seus datos persoais: nome e apelidos, enderezo e teléfono de contacto. Este sobre identificarase co mesmo lema da obra.

O prazo para presentarse ao concurso estará aberto ata o día 5 de agosto. A folla de inscrición pode descargarse na ligazón https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes ou recollerse en papel nas oficinas municipais.

Outorgaranse tres premios por valor de 150, 100 e 75 euros. Ademais, a obra gañadora do primeiro premio será o cartel anunciador da XXXIV Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

Folla  de participación

Bases do concurso

Volver