Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A Escola de Verán desenvólvese no colexio Baño-Xanza e o Campus Deportivo na área fluvial de Vilarello

- A concelleira de Educación achegouse aos dous puntos para coñecer como están a ser as primeiras xornadas

EV24 1

Valga, 2 de xullo de 2024.

As actividades de conciliación organizadas polo Concello para os meses estivais deron comezo esta semana con arredor de 90 inscritos entre a Escola de Verán e o Campus Deportivo. O primeiro é o grupo máis numeroso, e ten como base o recinto do colexio Baño-Xanza, ata o que hoxe se desprazou a concelleira de Educación, Carmen Gómez, para coñecer como se están a desenvolver estas primeiras xornadas de actividade.

Onte arrancou a escola con xogos de presentación para que os cativos, de entre 3 e 11 anos, se coñezan e para facilitar a relación entre eles. Despois dividíronse en grupos por idades para xogar ao brilé, ao pano ou a pita cega. A partir de mañá comezarán a realizar actividades relacionadas coa temática elixida para esta edición: as tradicións. Ademais, realizarán saídas e rutas polo concello, traballarán asuntos coma a igualdade ou a compostaxe e realizarán outras actividades formativas e de lecer.

A concelleira tamén se achegou ata Vilarello, onde se desenvolve o Campus Deportivo, para rapaces a partir de 12 anos que, durante as vindeiras semanas, participarán en actividades máis dinámicas e practicarán deportes coma o fútbol, baloncesto, bádminton… Tamén se levarán a cabo obradoiros de alimentación saudable, entre outras propostas.

Estas actividades son gratuítas e continuarán durante o mes de agosto con outro grupo que supera a vintena de inscritos.

EV24 2 EV24 3

Volver