- Os mozos xantaron no Parque Irmáns Dios Mosquera e visitaron o Centro de Interpretación da Caña, o Museo da Historia e o Belén Artesanal
- A concelleira de Turismo, Malena Isorna, acudiu a recibilos e entregou un agasallo a Íñigo de la Quadra-Salcedo
Valga, 1 de xullo de 2024.
Valga recibiu onte domingo aos douscentos expedicionarios da Ruta Quetzal e, entre eles, a Paula e Ángela Costa, dúas mozas valguesas que están a compartir esta experiencia con algúns dos mellores expedientes académicos de España. Dende o pasado sábado e ata o día 12 de xullo están a percorrer diferentes zonas de Galicia, España e Portugal.
Son en total 200 mozos de todo o país os que participan nesta viaxe de estudos e aventura, que arrancou en Vilanova de Arousa. Na xornada de onte, percorreron a ruta Mar de Santiago ata Pontecesures e fixeron unha parada no noso concello para gozar de áreas naturais coma o Parque Irmáns Dios Mosquera. Este foi o lugar elixido polo grupo para xantar á beira do río Valga.
A continuación visitaron o Centro de Interpretación da Caña e o Museo da Historia e, despois, emprenderon unha ruta a pé ata o Belén Artesanal en Movemento, unha das visitas que máis lles impresionou.
A expedición foi recibida á súa chegada a Valga pola concelleira de Turismo, Malena Isorna, que agasallou cunha reprodución do Petróglifo Pedra da Serpe ao promotor da Ruta, Íñigo de la Quadra-Salcedo, fillo do emblemático aventureiro Miguel de la Quadra. Ademais, tamén aproveitou para saudar ás dúas mozas de Valga que participan na viaxe e coñecer as súas impresións sobre a experiencia.
Tralo seu paso polo territorio de Mar de Santiago, a Ruta Quetzal atravesará o norte de Portugal ata chegar a Lisboa. Desde a capital portuguesa regresará a España por Estremadura para percorrer parte da Ruta da Prata e, de novo en Galicia, continuará pola ruta xacobea e a Ribeira Sacra ata rematar a Santiago.