• A andaina, que forma parte do programa “Goza do Ulla”, pasou por espazos coma Mina Mercedes e Porto Piñeiro, o embarcadoiro de Santa Cristina ou a praia de Vilarello
• O alcalde e a concelleira de Turismo participaron na actividade
Valga, 29 de xuño de 2024.
Valga foi o concello encargado de inaugurar unha nova edición do programa “Goza do Ulla”, e fíxoo esta mañá cunha ruta de sendeirismo para a que se inscribiron unhas 120 persoas e que percorreu diferentes lugares de interese vencellados ao río e a algunhas das actividades comerciais que, durante anos, se realizaron por vía fluvial. “O Ulla, entre telleiras e outros comercios” foi o nome elixido para a andaina, duns dezaseis quilómetros de lonxitude e na que o técnico de Cultura do Concello, Santiago Chenlo, exerceu de guía. Entre os participantes estiveron o alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira de Turismo, Malena Isorna, e o edil José Ángel Souto.
A Mina Mercedes foi o punto de arranque, un perfecto exemplo de actividade industrial vinculada o Ulla. Esta lagoa, a maior de orixe non natural da provincia de Pontevedra, foi un dos puntos de extracción de arxila empregados pola extinta empresa Novo y Sierra. O antigo espazo mineiro foi rexenerado polo Concello e á agora unha das principais contornas naturais de Valga. Dende este punto partía antano unha liña aérea de vagonetas coa que Novo y Sierra transportaba as materias primas e as cerámicas que producía ata o río Ulla, onde contaba cun pequeno embarcadoiro. O percorrido daquel funicular realizárono tamén hoxe os participantes na camiñada, contemplando algúns dos restos e vestixios que aínda se conservan daquela infraestrutura (que están declarados Ben de Interese Cultural) ata chegar ao embarcadoiro de Santa Cristina, reconstruído hai uns anos entre o Concello e Portos de Galicia.
A ruta continou en paralelo ao cauce fluvial ata a área fluvial de Vilarello, un espazo de esparexemento multifuncional e no que gozar en conexión directa co río. Os camiñantes adentráronse nas aldeas de Vilarello e Vilar, pasando nesta última pola capela de San Paio, dende a que parte cada ano no día da Candeloria a Procesión dos Lacóns, unha das tradicións relixiosas máis senlleiras de cantas se conservan en Valga. A continuación, o grupo dirixiuse cara as telleiras de Roeiro e Padín, outro exemplo de actividade comercial a pé do Ulla. As estruturas destes fornos preindustriais, que foron restauradas e recuperadas a finais de 2022, son unha mostra da arquitectura tradicional vencellada á industria de produción de cerámica, que tivo o seu auxe na zona na segunda medate do século XIX e principios do XX.
De regreso, e aínda en Vilar, foi momento de facer unha parada para repoñer forzas cun avituallamento a base de bocadillos, froita e auga. O lugar elixido foi o Miradoiro da Perdiz, un verdadeiro balcón dende o que se poden contemplar fermosas vistas panorámicas do río e das súas ribeiras. Este espazo foi recuperado o pasado ano polos veciños da aldea a través do programa “Embelecer Valga” e en colaboración do Concello, que aportou os materiais para executar os traballos. Nos últimos meses tense convertido nun dos lugares máis populares de Valga e que máis visitantes atrae.
Tralo pequeno parón, emprendeuse o regreso pasando por varias aldeas de Cordeiro (Moldes, Eiras, Outeiro, Ferreirós e Beiro), seguindo o percorrido da Procesión dos Lacóns ata a igrexa parroquial de Santa Comba. O último espazo visitado foi a lagoa Porto Piñeiro, xemelga da Mina Mercedes, na que o Concello está a desenvolver un ambicioso proxecto de rexeneración co obxectivo de convertelo nun novo foco de interese ambiental e turístico.