- Os veciños poderán recoller no Punto Limpo de xeito gratuítos cousas que aínda poden ter unha segunda vida
- Deste xeito preténdese reducir a xeración de residuos e avanzar cara a sostibilidade
Valga, 28 de xuño de 2024.
O Concello pon en marcha unha nova iniciativa no ámbito da xestión de residuos e da sostibilidade: o proxecto “Fai que Valga” para fomentar a recuperación e reutilización de obxectos que para os seus donos xa non son útiles pero si que o poden ser para outras persoas.
A Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular promulga o uso eficiente dos recursos para, así, reducir o impacto ambiental e cumprir cos obxectivos do desenvolvemento sostible. Reducir a xeración de residuos, a reutilización e a reciclaxe son tres principios fundamentais para acadar esta meta e dende o Concello estase a traballar nesta dirección a través de diferentes iniciativas:
- Promovendo actividades de concienciación social sobre a importancia da correcta separación de residuos.
- Traballando pola erradicación dos vertidos irregulares en espazos urbanos ou naturais.
- Ofrecendo alternativas para a reciclaxe, coma a compostaxe dos residuos orgánicos para convertelos en abono.
Para continuar nesta liña, quérese dar agora un pulo á reutilización co obxectivo de dar unha segunda vida a obxectos que acaban no lixo. Esta é a filosofía do proxecto “Fai que Valga”, que se canalizará a través do Punto Limpo. Algunhas das cousas que alí chegan mesturadas con outros residuos aínda poden ter utilidade, ben directamente ou ben restauradas ou reparadas.
Por iso, a partir de agora, informarase sobre aquelas cosas que se consideren de utilidade para que, quen os queira, poida recollelos de xeito gratuíto no Punto Limpo e reaproveitalos. Para dar difusión aos obxectos que están a disposición da cidadanía creouse un novo perfil de Facebook do Punto Limpo (https://www.facebook.com/profile.php?id=61560859501616), no que tamén se informará sobre outros asuntos de interese relacionados coa xestión de residuos e o medio ambiente. Ademais, seguiranse emprengando as redes sociais habituais do Concello (Facebook, Instagram e Whatsapp).