- O alcalde e a concelleira de Educación participaron no acto, que se celebrou no Auditorio
- Lucas Fernández e Mateo García foron galardoados cos premios extraordinarios de Ciencias e Humanidades
Valga, 21 de xuño de 2024.
O IES de Valga pechou esta tarde unha semana chea de actos de despedida do curso 2023/2024. Se o mércores se celebrou a graduación do alumnado de ciclos formativos, hoxe foi a quenda de corenta e tres estudantes que, tras cursar 2º de Bacharelato, rematan a súa etapa no instituto. O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, acompañaron aos protagonistas, ás súas familias e achegados e ao equipo directivo e docente do instituto.
Ximena Guerra e Mateo García foron os presentadores dunha gala chea de nostalxia pola etapa que agora pechan este grupo de mozos, pero tamén mensaxes de ilusión e esperanza pensando no futuro que se lles abre a partir de agora, ben continuando cos estudos superiores ou accedendo ao mercado laboral. “Estes mozos son o presente eo futuro”, dixo o alcalde durante o acto. “Estades ante o fin dunha etapa crucial e felicítovos, a vós e ás vosas familias e mestres, polo traballo realizado durante todos estes anos, xa que sen el hoxe non estariades aquí. Sorte no futuro a todos”, concluíu Bello Maneiro.
A vicedirectora do IES, Ana Bueno, sinalou que, durante a súa etapa no instituto, os novos graduados “aprenderon a relacionarse, a convivir, adquiriron valores e aprenderon o que queren ser. Os profesores Jano e Lara, padriños da promoción, fixeron fincapé en que “o título non é máis que un papel. O que lle dá valor é o camiño que percorrestes” para acadalo e as portas que abre para o futuro. “Sodes unha xeración diferente, fillos e fillas do voso tempo. Nin mellores nin peores”, apuntaron os dous mestres na súa intervención.
Tralos discursos, os estudantes recibiron os seus diplomas e, ademais, entregáronse o Premio Extraordinario de Ciencias “Anxo Carracedo”, que recaeu en Lucas Fernández López, e o Premio Extraordinario de Humanidades e Ciencias Sociais, que recolleu Mateo García Piñeiro. En representación de todos os graduados lembraron que “debémoslle ao IES de Valga momentos que nos marcaron e grazas aos cales nos convertemos nas persoas que somos hoxe en día”.
Durante o acto actuou Alonso Pinilla, que interpretou varios temas ao piano.