- As parroquias de Cordeiro e Xanza son as que rexistraron un maior número de peticións veciñais
- O Concello pide aos responsables das cacharelas que extremen a vixilancia para evitar incidentes
Valga, 21 de xuño de 2024.
O Concello de Valga tramitou un total de 145 solicitudes de permiso para fogueiras de San Xoán, unha cifra moi superior á do último ano, cando se rexistraran 108 peticións.
A parroquia que rexistrou un maior número de solicitudes veciñais foi a de Cordeiro, cun total de 39, seguida de Xanza con 35. En Campaña e San Miguel están autorizados 28 lumes en cada parroquia e en Setecoros, 15.
Para cumprir coa tradición na noite máis curta do ano, os veciños tiveron que cubrir un impreso nas oficinas municipais indicando a parroquia e o lugar no que se realizará a fogueira, quedando esta baixo a responsabilidade do solicitante que, coa súa sinatura, se compromete a adoptar as medidas de seguridade necesarias para evitar incidentes e escapes do lume e a cumprir as normas sanitarias que están en vigor.
O listado completo de cacharelas autorizadas foi posto en coñecemento do Servizo de Defensa contra incendios do Distrito Forestal XIX Caldas-Salnés e dos servizos de emerxencias, que farán un seguimento para evitar posibles incidentes.
As normas de seguridade que deben cumprir as persoas que vaian a celebrar o San Xoán co acendido de fogueiras son as seguintes:
- Non facer moreas dunha altura excesivamente elevada para evitar problemas de seguridade
- Non facer a fogueira preto de lugares con vexetación
- Con exceso de vento non prender a fogueira
- Evitar usar nas cacharelas materiais que co vento poidan provocar un incendio (ramas de eucalipto, papeis, etc.)
- Ter auga preto para actuar ante posibles escapes do lume
- Non utilizar na fogueira materiais contaminantes (pneumáticos, aerosois, etc.)
- Deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
- No caso de ter problemas debe chamar ao 085 ou ao 112 (a chamada é gratuíta)