• Tamén se reconstruíu con granito o capitel, outra das pezas que faltaba dende hai anos
• As partes orixinais que se conservaban foron limpadas e endereitouse o varal, que corría risco de desplome debido á súa inclinación
Valga, 19 de xuño de 2024.
A conservación do patrimonio valgués e dos elementos de interese histórico-artístico que aínda se manteñen nas nosas parroquias é unha das teimas do goberno local, na que ven traballando dende hai tempo con exemplos coma a posta en valor das telleiras de Vilar, a recuperación do muíño de Chenlo, o acondicionamento de lavadoiros e as actuacións en cruceiros coma o de Cerneira, o máis antigo dos que se manteñen Valga, o de Igrexa (Setecoros) ou a Cruz Alta de Magariños.
A última obra de recuperación patrimonial levouse a cabo nas últimas semanas no cruceiro de Vilarello, a cargo da restauradora Ana Sánchez Calzada, o canteiro David Soengas e o historiador Luis Enrique Rodríguez. Este cruceiro, do que se descoñece a data de orixe nin o seu emprazamento orixinal, atópase nun cruce de camiños ao que se trasladou nos anos 80 a raíz dunhas obras de mellora viaria.
O seu estado de conservación era deficiente. A principal eiva: carecía de capitel e de cruz, debido posiblemente a roubos ou actos vandálicos. Ademais, o varal presentaba unha inclinación moi pronunciada que comprometía a súa estabilidade e representaba risco de caída. O cruceiro tamén se viu afectado por factores ambientais, coma a humidade e o vento, así como polas colonizacións biolóxicas (fungos, liques, musgos e outras plantas) sobre a pedra de granito.
Esta columna, de 2’2 metros de altura, ten esculpida unha figura masculina vestida con hábito que, segundo algunhas fontes, podería representar a un Santiago Peregrino e, segundo outras, a San Antonio Abade. O varal asenta sobre un pedestal que se atopa enterrado no asfalto e sobresae 15 centímetros do solo.
Os traballos, que se financiaron cunha subvención da Deputación de Pontevedra, incluíron unha primeira fase de limpeza, retirando depósitos superficiais de terra e as colonias biolóxicas indesexadas, mediante espátulas, cepillos e outras ferramentas de xardinaría. Tamén se aplicou un tratamento biocida para evitar colonizacións posteriores. Por último, realizouse un lavado de toda a superficie da pedra con agua nebulizada.
A segunda fase consistiu na restauración propiamente dita do cruceiro, para o que se endereitou o varal e se reconstruíron, con granito, o capitel e a cruz seguindo as directrices marcadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta. Trátase de pezas lisas, sen ningún tipo de ornamentación.