Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O debuxo feito polo alumno do colexio de Baño foi editado e os marcapáxinas serán distribuídos en colexios, bibliotecas e outros edificios públicos

- Un total de 133 escolares participaron no certame, que promove o uso do galego no ámbito educativo e sensibiliza en igualdade

PremiosMarcapáxinas1

Valga, 18 de xuño de 2024.
O concelleiro de Cultura e Xuventude, Pedro Calvo, acudiu esta mañá ao colexio Baño-Xanza para facer entrega dos premios do primeiro Concurso “Marcapáxinas pola Igualdade”, convocado polo Concello a través do Servizo Municipal de Normalización Lingüística para incentivar o uso do galego no ámbito educativo, promover a lectura, escritura e a comprensión da nosa lingua, fomentar a creatividade entre a mocidade e tamén sensibilizar en igualdade. Acompañaron ao edil os técnicos de Cultura e Normalización Lingüística, Santiago Chenlo e Tamara Cerneira.

Este certame estaba dirixido a alumnado de Educación Primaria dos colexios Baño-Xanza e Xesús Ferro Couselo. O primeiro premio recaeu en Lois Tasende Gómez, de 11 anos e veciño de Cotriños (Cordeiro), que está rematando 5º curso en Baño, e o premio consistiu nun lote de agasallos para debuxar, unha botella con lemas en galego, un neceser rotulado a prol da igualdade e un diploma. Ademais, outra parte do galardón era a edición do marcapáxinas co seu debuxo, que o propio Lois puido repartir entre os seus compañeiros de clase. Este marcapáxinas distribuirase por todos os centros educativos de Valga, nas bibliotecas municipais e noutras edificios e infraestruturas.

O concurso tivo un segundo gañador: Yoel Tarrío Leiva, de Senín (Xanza) e con 11 anos, tamén de 5º curso do CEIP Baño-Xanza. Esta mañá non se atopaba no colexio, polo que a súa mestra encargouse de recoller o seu premio, que tamén consiste nun lote de agasallos.

PremiosMarcapáxinas2 PremiosMarcapáxinas3

Volver