Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O delegado territorial, Agustín Reguera, estivo esta mañá en Valga para anunciar a concesión da subvención, destinada a corrixir impactos paisaxísticos

- Visitou os dous lugares nos que se actuará xunto ao alcalde e os concelleiros Román Castro, Carmen Gómez e Pedro Calvo

VisitaAgustínReguera1

Valga, 17 de xuño de 2024.

O alcalde, José María Bello Maneiro, recibiu esta mañá ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, que estivo en Valga para anunciar a concesión de dúas subvencións que suman case 35.000 euros para executar obras de mellora no lavadoiro do Carballiño e no Centro Sociocultural “O Galego”, en Ferreirós. Na visita ás dúas zonas tamén participaron o concelleiro de Obras, Román Castro, e os edís Carmen Gómez e Pedro Calvo.

O arranxo e recuperación do lavadoiro do Carballiño pretende frear o deterioro deste ben, conservar o seu valor patrimonial e restaurar paisaxisticamente a zona. Actualmente, o seu estado de conservación deficiente e un entorno descoidado imposibilitan o seu uso por parte dos veciños.

Entre as actuacións que se levarán a cabo para reverter esta situación atópanse a limpeza da pía de granito, a demolición dos catro piares de formigón e a súa substitución por outros de pedra, o cambio das vigas de formigón da cuberta por un entramado de madeira e a renovación da tella. Tamén se limparán os arredores e acondicionarase o acceso.

En canto ao centro sociocultural “O Galego”, acondicionaranse a cuberta e as fachadas para frear o seu deterioro e mellorar a estética do edificio e recuperar o seu uso para a realización de actividades de diversa índole.

O proxecto contempla a limpeza da cuberta, eliminando a vexetación que a está deteriorando e que tamén provoca humidades no interior do inmoble. Reporanse as tellas e colocaranse canlóns e baixantes novas. Nas fachadas tamén se realizará unha actuación consistente na súa limpeza, para a eliminación de manchas de humidade e fungos, e na reparación das xuntas.

As axudas aprobadas pola Xunta enmárcanse nun programa de corrección de impactos paisaxísticos promovido polo Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

VisitaAgustínReguera2 VisitaAgustínReguera3

Volver