Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A obra de Francisco Sandoval Verea é un estudo sobre a paisaxe e a organización da bisbarra de Ordes entre os séculos XVI e XIX

- En xullo coñeceranse os gañadores da vixésimo quinta edición do certame

LibroPXFC23 1

Valga, 14 de xuño de 2024.
O Auditorio do Museo da Historia acolleu esta tarde a presentación da investigación “A paisaxe e a organización do espazo do interior coruñés durante os séculos XVI a XIX”, gañadora da primeira modalidade do Premio Xesús Ferro Couselo 2023. O alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, acompañaron no acto ao autor: o historiador e arquiveiro Francisco Sandoval Verea. Tamén estivo presente a gañadora da segunda modalidade da última edición do certame: Mª Segunda Llerena Orgaz, veciña de Pontecesures.

O traballo que agora se publica está centrado nos concellos que integran a bisbarra de Ordes, abordando un conxunto de elementos naturais ou propiciados polo home que motivaron a formación desta comarca. Estúdanse, por exemplo, as características do medio físico e a organización que lle deron as comunidades humanas para a súa explotación económica. Tamén se examina a organización eclesiástica e político-administrativa e analízase o papel que xogaron a rede viaria ou as feiras na articulación do territorio comarcal e ata que punto eses e outros aspectos condicionaron o auxe ou declive de determinadas localidades.

“Esta investigación permítenos establecer comparacións co mundo rural da Galicia actual, que mudou cunha gran rapidez nas últimas décadas. Tamén nos confronta con algúns dos problemas da Galicia e da España rural, como o seu paulatino despoboamento e a repercusión que isto ten na xestión do territorio a nivel local, desafíos aos que nos corresponde buscar solucións axeitadas de cara ao futuro”, sinala o alcalde no preludio do libro.

Francisco Sandoval subliñou durante o acto que “é unha dobre honra recibir este premio: polo prestixio que ten no ámbito de Galicia e por levar o nome de Xesús Ferro Couselo, do que coñezo a súa valía intelectual a través da súa obra e a súa valía humana a través das persoas que o trataron. Nunca oín falar mal de don Xesús”. Sandoval traballa dende hai 21 anos no Arquivo Provincial de Ourense, cuxa creación foi promovida por Ferro Couselo, que ademais o dirixiu entre 1943 e 1968. “De aí o vínculo coa súa figura”, engadiu o autor.

Oito traballos presentados á edición 2024
A finais do vindeiro mes de xullo daranse a coñecer os gañadores da XXV edición do premio, á que se presentaron un total de oito traballos. Seis deles corresponden á primeira modalidade, dotada con 4.000 euros e á que podían concorrer investigacións de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte.

Na segunda modalidade, unha bolsa de estudos de 3.000 euros para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, recibíronse dúas propostas.

O xurado que avaliará os traballos estará formado por Xulio Rodríguez González, facultativo do Corpo Superior de Museos; Pegerto Saavedra Fernández, Catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago; Marcial Gondar Portasany, Catedrático de Antropoloxía da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación da USC; e Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e neto de Xesús Ferro Couselo. Os gañadores daranse a coñecer a finais do mes de xullo, coincidindo co aniversario do nacemento de Xesús Ferro Couselo.

LibroPXFC23 2 LibroPXFC23 3

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver