- Os nenos de 3 a 11 anos poden participar nas actividades educativas e de ocio e os de 12 a 16 anos nos xogos deportivos
- As solicitudes deben presentarse nas oficinas municipais ata o día 21 de xuño
Valga, 12 de xuño de 2024.
O Concello organiza durante o período estival actividades gratuítas para favorecer a conciliación familiar coincidindo coas vacacións nas escolas. Son dúas as opcións que se ofrecen para tentar abarcar unha franxa de idade o máis ampla posible que facilite a organización dos pais e familias valguesas. Por unha parte, a Escola de Verán, dirixida a nenos de 3 a 11 anos; e por outra un Campus Deportivo para rapaces de entre 12 e 16 anos. En calquera dos dous casos é requisito obrigatorio que estean empadroados en Valga.
A Escola de Verán será un espazo lúdico-formativo no que se desenvolverán actividades coma obradoiros, animación á lectura, baile, contacontos, sesións de cine, xogos ou rutas polo concello, fomentando valores como a igualdade de xénero, o respecto medioambiental, a cooperación e traballo en equipo… No Campus Deportivo practicaranse disciplinanas coma fútbol, baloncesto, tenis, sendeirismo, carreiras de orientación ou atletismo, entre outras.
As actividades desenvolveranse no recinto do colexio Baño-Xanza de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas (agás festivos). Establécense dúas quendas, unha en xullo e unha en agosto, con prazas limitadas.
O prazo para anotarse estará aberto ata o día 21 de xuño ás 14:30 horas nas oficinas municipais. O formulario a cubrir pode descargarse na páxina web municipal (https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes), ou recollerse no Concello.
Xunto coa folla de inscrición é preciso presentar a seguinte documentación:
- Fotocopia do DNI da persoa solicitante
- Fotocopia da tarxeta sanitaria do menor
- Xustificante de que os proxenitores estean empregados (última nómina, vida laboral…)
- Xustificante de monoparentalidade, de ser o caso
- Copia da sentencia de separación/divorcio, de ser o caso
- Acreditación de cargas familiares, de ser o caso
- Sentencia e/ou informe de condición de vítima de violencia de xénero, de ser o caso
En caso de que haxa máis solicitudes que prazas teranse en conta criterios coma que os proxenitores estean empregados, familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero, unidades familiares con cargas relacionadas cos coidados ou nivel de renda, entre outros.