Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde mantivo esta mañá unha xuntanza coa directora xeral de FP para coordinar a implantación dos novos títulos a partir de setembro

- Eugenia Pérez xa visitara o instituto no mes de maio para comprobar as infraestruturas coas que conta

ReunionDX FP

Valga, 10 de xuño de 2024.
O IES de Valga contará o vindeiro curso con 66 novas prazas coa implantación de tres novos ciclos, dous títulos de alta especialización e outro de FP dual intensiva. Así llo confirmou esta mañá a directora xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación, Eugenia Pérez, ao alcalde, José María Bello Maneiro nunha xuntanza. Pérez xa estivera hai unhas semanas no propio instituto, percorrendo as súas instalacións, para preparar a posta en marcha desta nova oferta educativa a partir de setembro.

Dous dos novos ciclos que se impartirán a partir do curso 2024/2025 son os de alta especialización de Mantemento electromecánico e oferta parcial de mecanizado, e do de Mecatrónica industrial e oferta parcial de Automatización e robótica industrial, con 22 prazas cada un deles. Estes títulos, exclusivos de Galicia, son formacións configuradas ad hoc para atender demandas específicas das empresas.

A maiores, o vindeiro curso, tamén se suma á oferta do IES o ciclo Dual Intensivo de grao medio de Xardinaría e floraría, con outras 22 prazas.

Trátase, en palabras da representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, dunha oferta “moi axeitada á zona de Valga e á súa área de influencia que dá resposta a demanda de empresas punteiras que están instaladas neste concello”.

Volver