Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Ademais de brigadas e motobombas, que ensaiaron sobre o terreo, empregáronse drons e unha maqueta tridimensional para establecer as dimensións do lume

- A segunda tenente de alcalde e o concelleiro de Seguridade seguiron a evolución das lapas dende o posto de mando avanzado, situado en Casal de Eirigo

SimulacroIncendio1

Valga, 10 de xuño de 2024.
Valga foi escenario esta mañá dun simulacro de emerxencia por incendio forestal con perigo para núcleos de poboación, un exercicio que tivo como finalidade avaliar a resposta coordinada dos diferentes medios de extinción e corpos de seguridade que forman parte dos operativos de loita contra os lumes.

O hipotético incendio iniciouse no lugar das Laceiras con catro focos simultáneos, un deles próximo ao núcleo de poboación e os outros tres nunha pista forestal. Os primeiros medios de extinción desprazáronse, precisamente, ás Laceiras para atacar o lume máis próximo ás vivendas, mentres que o resto de focos avanzaron libremente cara o municipio veciño de Pontecesures, ameazando as aldeas de Grobas e Fenteira, á espera da chegada de máis equipos de intervención. Nestes dous lugares, varias motobombas e axentes forestais realizaron, sobre o terreo, exercicios de extinción e manobras de autoprotección, tanto dos brigadistas coma dos vehículos. Mentres, persoal de Protección Civil de Valga percorreu as vivendas da zona para confinar á poboación ante o risco que tanto o lume coma o fume representaban para os bens e os veciños.

As lapas, avivadas polo vento, continuaron sen control ata poñer en risco Morono, Confurco e Bandín, en Padrón, convertendo o incendio en interprovincial. Ademais, as faíscas provocaron que o lume saltara o río Ulla, xerando un foco secundario no monte Meda.

Para dar resposta a esta emerxencia ficticia activáronse o Plan de Prevención e defensa contra incendios forestais (Pladiga) e o Plan Especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais (Peifoga) e despregáronse diferentes medios da Axega, 061 e Consellería do Medio Rural, que mobilizou tres técnicos, cinco axentes forestais, cinco brigadas, cinco motobombas, bombeiros do Consorcio Provincial da Coruña, Grupos de Emerxencias de Padrón e da Estrada. Tamén participaron no operativo patrullas da Garda Civil, Policía Local de Valga, Pontecesures e Padrón, agrupacións de Protección Civil de Valga e Padrón.

Ademais de coordinar a participación dos diferentes equipos na extinción e protección dos bens persoais e materiais, tamén se realizaron adestramentos do sistema de comunicacións e de rescate. Por exemplo, simulando un accidente por parte dun brigadista con necesidade de evacuación e atención por parte dos medios sanitarios.

O Posto de mando avanzado, centro dende o que se dirixiron e coordinaron as actuacións, ubicouse xunto á pista de karting, en Casal de Eirigo. Ata alí desprazarónse o director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, e Miguel Ángel Pérez Dubois, xefe do Servizo de Emerxencias da Xunta en Pontevedra, entre outros membros do goberno autonómico. Tamén estivo representada a subdelegación do Goberno en Pontevedra e, por parte do Concello, asistiron a segunda tenente de alcalde, Carmen Gómez, e o concelleiro de Protección Civil, Seguridade e Interior, Álvaro Fernández. Dende alí seguiuse a evolución do incendio en tempo real grazas ás imaxes captadas por drons. Ademais, recreouse o incendio cunha maqueta de area tridimensional sobre a que se proxectaron os diferentes focos activos, así coma nos núcleos afectados, o perímetro total afectado polo lume e os medios desprazados. Esta é unha técnica xa empregada dende hai tempo no ámbito militar e que se está a aplicar cada vez máis á prevención de incendios.

Santiago Villanueva sinalou que o ensaiado hoxe é Valga “é un dos lumes máis clásicos de Galicia e máis perigosos”, con situación de vento que dificulta os labores de control das lapas e con afección para núcleos poboacións e tamén para importantes infraestruturas viarias coma a autoestrada AP-9 ou a nacional 550”. O director xeral de Emrexencias referiuse á importancia deste tipo de adestramentos para despois ser eficaces na extinción dos incendios reais.

SimulacroIncendio2 SimulacroIncendio3

SimulacroIncendio4 SimulacroIncendio5

Volver