Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O deseño máis valorado polo xurado,que será editado, reproduce unha das imaxes icónicas de muller empoderada, pero cunha figura masculina

- Con todos os participantes, 133, realizarase unha exposición na planta baixa da Casa do Concello

MarcapáxinasIgualdade1

Valga, 4 de xuño de 2024.

O primeiro Concurso “Marcapáxinas pola Igualdade”, convocado polo Servizo municipal de Normalización Lingüística e dirixido a alumnado de Educación Primaria dos colexios Baño-Xanza e Xesús Ferro Couselo, coñeceu hoxe aos seus gañadores.

O primeiro premio recaeu en Lois Tasende Gómez, de 11 anos e veciño de Cotriños (Cordeiro). O seu deseño reproduce unha das imaxes máis icónicas de muller empoderada, pero substituíndo a figura feminina por un home que sostén a un neno no seu brazo, facendo referencia á corresponsabilidade no fogar. O slogan é “Homes ou mulleres somos libres de ser o que queiramos”. Lois recibirá un agasallo e o seu marcapáxinas será editado e distribuído en centros educativos de Valga, bibliotecas e outros espazos públicos.

O segundo clasificado, que tamén recibirán un agasallo, foi Yoel Tarrío Leiva, de Senín (Xanza) e con 11 anos. No seu caso elixiu o formato de banda deseñada para o seu marcapáxinas, no que a acción está protagonizada por dous globos cos símbolos feminino e masculino e unha rapaza que trata de situalos ao mesmo nivel. Neste caso, o lema é “Tarde ou cedo, imos ser iguais”.

Os dous gañadores son estudantes de 5º de Primaria do colexio Baño-Xanza.

O xurado reuniuse esta mañá na Casa do Concello para avaliar os 133 deseños presentados ao certame, co que se perseguían obxectivos coma fomentar a creatividade entre os mozos, incentivar o uso do galego no ámbito educativo, promover a lectura, escritura e a comprensión da nosa lingua, e tamén sensibilizar en igualdade.

Os participantes debían presentar, baixo pseudónimo, un deseño de marcapáxinas en soporte cartolina ou papel fotográfico, incluíndo unha mensaxe en galego e un debuxo, ambos relacionados coa igualdade.  A técnica a empregar era libre. O xurado valorou aspectos coma a orixinalidade, a imaxinación e a creatividade.

Con todos os marcapáxinas que participaron no concurso realizarase unha exposición que poderá verse na planta baixa da Casa do Concello.

MarcapáxinasLoisTasende

MarcapáxinasYoelTarrío

Volver