- Nas últimas semanas os camiñantes realizaron rutas ata a praia de Vilarello e ao xacemento Igrexa Vella
- A vindeira semana o destino será a Mina Mercedes e Porto Piñeiro, con saída dende o CODI
Valga, 31 de maio de 2024.
As andainas do programa “Autocóidate camiñando” están a ser todo un éxito e cada vez son máis os veciños que se suman ás rutas que se realizan por distintos lugares do concello. Nas últimas semanas o número de participantes chegou ata a trintena coas camiñadas que tiveron como destino a praia fluvial de Vilarello e o xacemento Igrexa Vella.
Estas andainas organízanse como parte dun curso de autocoidado e relaxación que se está a impartir no Auditorio, aínda que para participar nelas non é necesario estar inscrito nesta actividade, senón que están abertas a calquera veciño. Ademais de promover a vida saudable e a realización de actividade física, as rutas tamén promocionan os diferentes espazos de lecer ou de interese patrimonial cos que conta Valga. Realízanse dúas convocatorias por semana co mesmo destino: os luns pola tarde e os xoves pola mañá.
A vindeira semana a andaina chegará ata a Mina Mercedes e a lagoa Porto Piñeiro, cun percorrido circular de 5’5 quilómetros de lonxitude con saída dende o CODI, en Baño. As datas e horarios son: o luns de 18:00 a 19:30 e o xoves de 10:00 a 11:30.