Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Quince persoas, entre eles tres valgueses, recibiron os diplomas tras completar un curso de dous meses de duración

- Esta escola, que conta co respaldo económico da Xunta, trata de paliar a falta de personal cualificado que afectaba á empresa

UrovesaRueda1

Valga, 29 de maio de 2024.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Emprego, Industria e Formación, Carmen Gómez, acompañaron esta mañá ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha visita a Urovesa con motivo da clausura da primeira promoción da Escola de Formación que a empresa puxo en marcha coa colaboración da administración autonómica. Tamén participaron nos actos o conselleiro de Emprego, José González, e a directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego, Zeltia Lado. Justo Sierra, presidente de Urovesa, e Cecilia Sierra, responsable do Departamento Personal da empresa de fabricación de vehículos especiais exerceron de anfitrións.

Quince persoas, entre eles tres valgueses, formaron parte desta primeira promoción da Escola de Formación. Realizaron un curso de case dous meses de duración de Operario polivalente de liña de fabricación de vehículos militares de alta mobilidade e algúns deles pasarán a formar parte do cadro de persoal a empresa. A segunda promoción, na que tamén hai unha veciña de Valga, iniciou o seu período formativo esta semana.

Urovesa impulsou esta Escola de Formación para paliar a falta de persoal cualificado e formado. “Era un proxecto no que pensabamos dende facía tempo e, por fin, se fixo realidade coa axuda da Xunta”, sinalou Justo Sierra. “Esta é unha aposta pola sostibilidade da empresa, xa que necesitamos xente formada, unha aposta polo emprego e pola industria. Pero tamén unha aposta por fixar poboación no entorno, en Valga que nos acolleu de forma extraordinaria”. Por último, engadiu, “é unha aposta de futuro, porque pódense ter os mellores proxectos, pero quen ten que realizalos son as persoas”. Aos alumnos, que recibiron os seus diplomas, felicitounos por superar esta fase formativa e dexoulles que “vos impregnarades dos valores e da forma de traballo de Urovesa”.

Fundada en 1981, Urovesa deseña vehículos polivalentes de altas prestacións e última tecnoloxía, con clientes en máis de 30 países e cunha capacidade produtiva que chega aos 5.000 vehículos ao ano. A súa área produtiva atópase en Valga dende 2014 e conta con máis de 300 traballadores. O presidente da Xunta referiuse á “intelixencia” que tivo o fundador da compañía, José Sierra, “para trasladarse a un concello onde hai un alcalde que mata polo seu e que é insistente ata conseguir o que se propón”. No mesmo sentido, subliñou o que supón para “un municipio pequeno contar cunha fábrica deste prestixio” e recoñecida internacionalmente no sector da fabricación de vehículos todo terreo e especiais, tanto para uso militar como para aplicacións civís coma a recollida de residuos urbanos ou a loita contra os incendios.

UrovesaRueda2 UrovesaRueda3

Volver