- A xornada de lecer inclúe iniciación ao Caiac no río Ulla, tiro con arco, rutas en bicicleta e competicións de “laser tag”
- A cafetería desta área de lecer xa está en funcionamento, de xoves a domingo de 10:00 a 22:00 horas
Valga, 22 de maio de 2024.
Un cento de mozos atópanse na xornada de hoxe na praia fluvial de Vilarello realizando actividades de ocio e tempo libre, a través da empresa Pekexogo, que dende o mes de abril é a adxudicataria da xestión da cafetería. Como parte do proxecto presentado a este concurso, a empresa, que conta con experiencia no sector multiaventura, campamentos e eventos de animación, propuxo complementar o servizo de hostalería con actividades turísticas, culturais e deportivas, para así dinamizar a zona.
A cafetería xa está en funcionamento dende comezos deste mes, de xoves a domingo entre as 10:00 e as 22:00 horas, e agora póñense en marcha tamén as actividades de lecer. O grupo chegado esta mañá procede de Santiago e está integrado por estudantes de Secundaria do colexio La Salle, que están a participar en sesións de iniciación ao caiac no río Ulla, rutas en bicicleta de montaña ata o embarcadoiro Santa Cristina, de Campaña, tiro con arco e competicións con pistolas “laser tag”, unha actividade similar ao paintball, pero sen empregar proxectís de pintura, polo que é máis limpa e segura.
Chegaron arredor das 10:30 da mañá, comerán en Vilarello e permanecerán en Valga ata, aproximadamente, as seis da tarde, cando teñen previsto o regreso a Compostela.