- As inscricións poden presentarse no rexistro do Concello acompañadas dunha memoria do proxecto e unha reportaxe fotográfica
- Os proxectos deben estar rematados na penúltima fin de semana de agosto, cando serán visitados polo xurado
Valga, 18 de maio de 2024.
O Concello vén de abrir o prazo de participación no concurso Embelecer Valga, que nesta edición chega con novidades. A máis salientable está relacionada cos premios, que se incrementan ao diferenciarse dúas categorías dentro do certame: obra nova e mantemento.
Esta iniciativa, xa convertida en tradición, ten como obxectivo implicar á veciñanza no coidado e rehabilitación de espazos e zonas comúns do concello, para o seu desfrute por parte de toda a poboación, ao tempo que se fomentan valores como a integración e a unión social, o traballo en grupo e o respecto polos lugares e mobiliario públicos.
Deste xeito, o certame premia aos lugares máis fermosos acondicionados polos valgueses, que deberán agruparse para levar a cabo accións consistentes na limpeza, mellora, dotación de equipamento ou ornamentación. Poden participar comisións de carácter veciña, asociativo ou de calquera outro tipo que deben entregar no rexistro do Concello unha solicitude encabezada por un representante e asinada por un mínimo de tres membro.
Ademais, teñen que entregar unha memoria descritiva das accións de mellora a desenvolver, incluíndo fotografías do estado actual do lugar. Esta documentación permitirá aos técnicos avaliar os proxectos presentados e aprobar, total ou parcialmente, as actuacións propostas. Tamén se encargarán da entrega do material necesario para a execución das obras, que é sufragado polo Concello.
Na categoría de obra nova poderán comisións que propoñan a creación dun novo espazo ou rehabilitación dalgún ben ou zona que se atope abandonado e que precise dunha obra maior para a súa conservación ou restauración. A categoría de mantemento diríxese a lugares que xa dispoñen de construcións feitas, tales como parques, centros sociais ou culturais, xardíns acondicionados ou estruturas rehabilitadas, co obxectivo de garantir a súa conservación a través de obras menores e traballos de limpeza, xardinaría ou ornamentación.
Entregaranse os seguintes premios:
Obra nova:
1º premio: 300 euros
2º premio: 200 euros
3º premio: 100 euros
Mantemento:
1º premio: 500 euros
2º premio: 300 euros
3º premio: 200 euros
O resto de comisións participantes en ambas categorías recibirán unha gratificación de 100 euros.
O xurado valorará aspectos coma a adecuación final á memoria presentada, a orixinalidade e a creatividade nos deseños e elementos decorativos, o aproveitamento dos recursos e materiais da zona, a conservación e deseño de espazos verdes coma xardíns e áreas recreativas, a recuperación de elementos existentes no lugar e o fomento da cultura e das tradicións locais.
Os proxectos deben estar rematados na penúltima fin de semana de agosto, cando o xurado fará un percorrido por todos os espazos.