Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O festexo, no que houbo gastronomía, música e xogos, reuniu no Parque Irmáns Dios Mosquera a unhas 500 persoas

- Mañá terá lugar a recreación da Batalla de Casal de Eirigo e o domingo o Encontro coa Terceira Idade

AnivBandaRadio1

Valga, 17 de maio de 2024.
Valga deu inicio hoxe a tres días consecutivos de celebracións e fíxoo conmemorando o vinte e cinco aniversario da Banda de Música e da Radio Municipais. O evento, que congregou no Parque Irmáns Dios Mosquera a unhas 500 persoas, entre oíntes da emisora local e membros e seguidores da agrupación musical. Entre os asistentes atopábanse o alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo, que ademais é locutor de Radio Valga.

O rexedor destacou o que representan ambas institucións para Valga. “Cando se puxeron en marcha tanto a radio coma a banda partimos de cero, non tiñamos experiencia de ningun tipo no concello en ningunha das dúas áreas, por iso é unha enorme satisfacción que ambas se manteñan en activo despois dun cuarto de século”. Sobre a creación da banda, Bello Maneiro explicou que esta agrupación xurdiu da Escola Municipal de Música, que se puxera en marcha uns anos antes porque “entendíamos que en Valga había materia prima suficiente”. En canto á radio, “foi unha canle de información, inicialmente para os nosos veciños, pero co tempo tamén para moitos oíntes de fóra de Valga, que son moitos. E, aínda que hoxe existen outros medios para informarse, coma as redes sociais, Radio Valga segue tendo a mesma forza e continúa mellorando”.

Unha sesión vermú a cargo, como non podía ser doutro xeito, da Banda Municipal de Valga abriu a programación desta xornada festiva. Uns 90 músicos, tanto actuais como pasados da banda, reuníronse para interpretar un repertorio de máis dunha hora de duración que incluíu un tema de estrea, “Fervenzas”, composto por Fernando Buide del Real. “Trata de enxalzar as nosas fervenzas”, sinala o director da banda, Manuel Villar Touceda, “co vento-madeira emulando o continuo discorrer da agua, mentres que o vento-metal fai o choque contra as pedras e os muíños”.

O director calcula que, nestes 25 anos, pasaron pola banda uns 300 integrantes, algúns dos cales se dedican profesionalmente a música e quixo resaltar a contribución á agrupación de “tres grandes padriños, que puxeron todo da súa parte para que a música de Valga brille hoxe en todo o mundo: Tito Castaño Conde, a exconcelleira Ramona Otero Tanoira e o alcalde, José María Bello Maneiro. Os tres recibiron un agasallo de agarimo durante a xornada para agradecerlles o seu apoio á banda.

Tamén o director de Radio Valga, Héctor Bermúdez Touceda, fixo balance deste cuarto de século informando sobre Valga a través das ondas. “Nestes 25 anos cambiou todo moitísmo. Recordo as cintas de cassette, cando había que darlle ao autoreverse, despois pasamos ao CD e ata o de agora, que xa é outra historia... A evolución foi tremenda, brutal. Antes pedíannos unha canción e non a tiñamos, sen embargo hoxe todo o que queiras”. O responsable da emisora local explica cal foi a clave para fidelizar aos seus oíntes: “A música, principalmente, con moito son latino, música de verbena e de orquestra, de bandas. A isto sumamos a información que se dá, que é moi cercana e á xente gústalle, ao igual que as dedicatorias. Esta fórmula funcionou tan ben que nunha quixen tocala”.

Un dos actos centrais desta xornada de celebración foi un xantar base de entremeses, empanada, pobo e churrasco, seguidos de sobremesa. A tarde estará chea de actividades, cun animador e obradoiro de pintacaras para os máis cativos, unha sesión de maxia e ilusionismo do Mago Noel e xogos populares como a chave, o aro, a estornela, a ran e carreiras de sacos.

Despois regresará a música, cunha verbena a cargo do Dúo Reflejos e a Orquestra Capitol. O fin de festa, ata ben entrada a madrugada, porao o DJ Matrek.

Mañá a festa trasladarase á parroquia de Setecoros, coa XIII edición da Batalla de Casal de Eirigo a partir das 17:00 horas. Os actos arrancarán co desfile de tropas, recepción de alarmas e izado de bandeiras. Arredor das seis da tarde recrearase a batalla, cos combatentes dirixidos polo actor Suso Martínez e coa actuación de Manoele de Felisa.

Rematada a contenda, esperemos que con vitoria valguesa, os Festicultores poñerán a animación e, sobre as 21:00 horas, tomará o relevo DJ Maxi. Haberá tamén tirada de fogos de artificio e reparto de churrasco e rosquillas entre os asistentes.

Como colofón a estas tres xornadas festivas, o domingo celébrase o XXVI Encontro da Terceira Idade no recinto do Colexio Xesús Ferro Couselo. Os veciños máis veteranos de Valga reuniranse nunha xornada dedicada especialmente a eles na que haberá un xantar de confraternidade, música coa Banda Municipal e o cantante José Manuel, da Orquestra Abanico, e tamén sorteo de agasallos.

AnivBandaRadio2 AnivBandaRadio3

Volver