Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez acompañaron á representante da Xunta e ao director do instituto

- A partir de setembro impartirase nova formación en Mantemento electromecánico, Xardinaría e floraría e Mecatrónica industrial

VisitaDX FP1

Valga, 16 de maio de 2024.

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou esta mañá o IES Plurilingüe de Valga para comprobar as infraestruturas coas que conta e avaliar a necesidade de melloras e novas dotacións de cara a posta en marcha, o vindeiro curso, de tres novos ciclos de FP. A representante da Xunta de Galicia estivo acompañada polo alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Educación, Carmen Gómez, e o director do instituto, Eliseu Mera.

Eugenia Pérez indicou que “este centro vai ter un gran impulso o vindeiro curso, con novos proxectos de formación dual, especialmente relacionados coa fabricación mecánica, un ámbito empresarial moi potente en Valga e arredores”. Ademais, tamén se vai potenciar a formación en agroxardinería e, como resultado, “haberá un incremento importantísimo da oferta que responde a unha demanda de profesionais cualificados por parte das empresas da zona”, indicou.

Os novos ciclos que empezarán a impartirse no curso 2024/2025 son os medios de Mantemento electromecánico e de Xardinaría e floraría, e o superior de Mecatrónica industrial. Serán os tres en modalidade dual, de forma que o alumnado recibirá formación tanto no IES coma en empresas da contorna, recibindo unha remuneración económica.

O director do instituto valgués explicou durante a visita que actualmente o centro conta con oferta en dúas familias profesionais: a de fabricación mecánica (cos ciclos básico de Fabricación e montaxe, medio de Soldadura e caldeiraría e  superior de Construcións metálicas) e a familia agraria, co ciclo básico de Agroxardinaría e composicións florais. A esta “ímoslle dar continuidade cun novo ciclo medio, tendo en conta que é unha formación que non se imparte en moitos quilómetros á redonda, se ben hai moitísimas empresas que teñen necesidade de persoal cualificado. Por iso pensamos que o ciclo medio de Xardinaría e floraría representa unha oportunidade inmensa para o alumnado da zona e tamén para as empresas”.

Eliseu Mera engadiu que a partir de setembro “imos incorporar unha terceira familia profesional, a de instalacións e mantemento, a través dos ciclos de Mantemento electromecánico e de Mecatrónica industrial, que teñen unha gran demanda”.

Tanto o director coma o alcalde agradeceron á directora xeral a súa visita e o respaldo que o seu departamento está a dar ás demandas que se fan dende o centro. Bello Maneiro lembrou que o IES de Valga foi pioneiro, no seu día, na posta en marcha da formación dual e afirmou que o Concello “seguirá estando ao lado do equipo directivo do instituto para seguir ampliando a oferta formativa para beneficio tanto do alumnado como das empresas que precisan persoal cualificado”.

VisitaDX FP2 VisitaDX FP3

Volver