- A nutricionista Alejandra Martínez e o médico de familia José Manuel Fernández traballan no fomento da educación sanitaria dende o punto de vista da alimentación
- Explicaron os perigos dos ultraprocesados e como identificalos a través do etiquetado nutricional
Valga, 14 de maio de 2024.
A charla “Nutrición, obesidade e saúde”, que dous profesionais do Centro de Saúde de Valga impartiron esta mañá no Auditorio, encheu a Sala Vermella do Auditorio Municipal con sesenta e cinco persoas que asistiron a unha presentación cuxo obxectivo foi fomentar a educación sanitaria dende o punto de vista da alimentación e a nutrición, aprendendo a identificar algúns dos principais “inimigos da saúde” e coñecer as pautas básicas dunha alimentación sa.
Alejandra Martínez, dietista-nutricionista do Centro de Saúde, e o médico de familia José Manuel Fernández iniciaron o relatorio explicando as diferencias entre os alimentos procesados e ultraprocesados. Os primeiros son sometidos a procesos de conservación coma a curación, salgadura ou afumado ou a tratamentos térmicos para a súa cocción, que por si mesmos non son prexudiciais. Os ultraprocesados, en cambio, son elaborados a partir de azucres, graxas de mala calidade e outras fontes de calorías e aditivos. Para detectalos, explicaron os dous profesionais da saúde, débese recorrer ao etiquetado nutricional dos alimentos. Esta información permite aos consumidores coñecer, entre outras cuestións, “a cantidade de graxas, azucres e sal, que son os elementos máis danosos para a saúde”.
Os dous relatores falaron tamén sobre as claves dunha alimentación saudable, que se basea no consumo de froitas, vexetais e peixes, poñendo como exemplo máis significativo a dieta mediterránea, que contribúe a diminuír o risco cardiovascular. Por último, tamén incidiron na importancia de realizar actividade física.