Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A Dirección Xeral de Formación Profesional outorgoulle 39.000 euros para o seu desenvolvemento

- O instituto contará o vindeiro curso con tres novos ciclos de xardinaría, mantemento e mecatrónica

 

Valga, 10 de maio de 2024.
A Dirección Xeral de Formación Profesional da Xunta de Galicia vén de conceder ao IES de Valga dous premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación tecnolóxica ou científica e innovación didáctica no ámbito dos ciclos formativos. As dúas propostas do instituto valgués galardoadas son: “Agricultura de precisión en cultivos galegos KM0” e “Ergoprotect”, que obtiveron 21.000 e 18.000 euros respectivamente.

“Agricultura de precisión en cultivos galegos KM0” é un proxecto que pretende poñer en valor a agricultura de proximidade. Trátase dun robot para o control do crecemento e tratamento de cultivos, cuxa estrutura se corresponde á dun robot de coordenadas cartesianas. Esta proposta combina robótica, visión artificial e IoT. O obxectivo do aparello é manter o cultivo en perfecto estado, avisar e actuar en caso de doenzas na planta, rexistro de crecemento e detectar o momento axeitado para a recollida dos froitos. Ademais, o sistema é capaz de detectar a necesidade de auga mediante sensores IoT despregados no espazo onde se ubique a produción, satisfacendo a necesidade de maneira autónoma.

“Esta tecnoloxía podería ser de interese, por exemplo, para cultivos de gran relevancia na zona, como o pemento de Herbón, pois permitiría alcanzar uns resultados máis competitivos no mercado”, comenta o director do IES, Eliseu Mera.As empresas colaboradoras sonGerca, Acero y Metal (Vimianzo), O Forno Garden (Valga), Almacéns AgroUlla (Valga) eMeifus Industrial (Mos).

En canto a outro proxecto premiado, “Ergoprotect”, no ámbito industrial o persoal está exposto a ambientes de traballo que poden afectar seriamente a súa saúde, ben sexa por ergonomía, por seguridade ou por hixiene laboral. Desta situación nace este proposta, consistente nun equipo de prevención individual, ata agora inexistente no mercado, que se compón dun exoesqueleto e dun casco conectado a un reloxo intelixente que servirá para o control e a monitorización da actividade do usuario e das características prexudiciais do entorno (posición corporal da persoa, ruído, temperatura, humidade, gases...). Emprégase tecnoloxía sen fíos (LoraWAN) ao menor custe.

Mediante unha central de monitorización xeraranse as alertas para notificar o traballador, a través do reloxo, algunha incidencia, ben sexa corporal, física ou ambiental. Toda a información obtida rexístrase e visualízase nun dashboard de control de planta deseñado dentro deste proxecto.

As empresas colaboradoras son Suministros Industriales del Noroeste, Sutenor (Arteixo),Mar Technologies 5.0, SL (Mos) e MakerStorebyAllNet (A Coruña).

Novos ciclos: Xardinaría, Mantemento e Mecatrónica
O IES de Valga incorporará o vindeiro curso á súa oferta formativa tres novos ciclos en modalidade dual: os ciclos medios de Mantemento electromecánico e de Xardinaría e floraría, e o ciclo superior de Mecatrónica industrial. Estes sumaranse aos que xa se imparten actualmente: os ciclos básicos de Fabricación e montaxe e de Agroxardinaría e composicións florais, o medio de Soldadura e caldeiraría e o superior de Construcións metálicas.

Volver