- Viron in situ como se desenvolve a compostaxe doméstica a través dunha familia de Senín e tamén estiveron no colexio de Baño, un gran produtor de biorresiduos
- Os mestres composteiros explicáronlles tamén o funcionamento do Punto Limpo, no que se trataron unhas 360 toneladas de residuos dende a súa reapertura en 2023
Valga, 9 de maio de 2024.
Un grupo de case trinta técnicos de diferentes zonas de España que están a estudar o nivel 3 de Mestría en Compostaxe estiveron esta mañá en Valga para coñecer unha experiencia real de implantación dun sistema de compostaxe nun concello rural, como parte da súa formación.
Foron recibidos no auditorio do Museo da Historia polo alcalde, José María Bello Maneiro, que lles comentou algunhas das características de Valga, facendo fincapé en cuestións como a dispersión poboacional –e o que isto supón á hora de ofrecer servizos– ou o seu carácter industrial. A continuación, a mestra composteira Silvia Torres, realizou unha presentación sobre o proxecto de compostaxe que se desenvolve no concello dende que, no ano 2019, se implantou este sistema de reciclaxe dos residuos orgánicos a través do Plan Revitaliza da Deputación.
Actualmente hai distribuídos en domicilios particulares de Valga 1.013 composteiros individuais, outros 11 atópanse repartidos polos centros educativos e hai instalados tres centros de compostaxe comunitaria na Avenida da Coruña, na rúa Doutor de Oya Salgueiro e no colexio Baño-Xanza. Con esta infraestrutura, arredor do 65% dos veciños teñen a posibilidade de xestionar os biorresiduos xerados nos seus fogares.
Un exemplo dos resultados acadados son os datos do pasado 2023, durante o que se xestionaron en Valga 253 toneladas de residuos orgánicos, obtendo 100 toneladas de compost. Ademais, dende a implantación do proxecto de compostaxe melloraron as cifras da recollida selectiva, pasando dun 15% a un 28%.
Os participantes na visita achegáronse ata un domicilio particular, o da familia Magán en Senín, para coñecer in situ o desenvolvemento da compostaxe doméstica e como o abono natural obtido se emprega en plantacións de froiteiras e en horticultura ecolóxica. O percorrido continou, despois, pola Avenida da Coruña, como mostra de compostaxe comunitaria, e polo CEIP Baño-Xanza, un exemplo de gran produtor de biorresiduos. Neste centro xantan a diario máis de 250 alumnos e destínanse á compostaxe os restos do comedor Ademais, os alumnos depositan no composteiro as sobras das súas merendas e empregan o abono para fertilizar as plantas, árbores e o invernadoiro existentes no recinto educativo.
A ruta por Valga tivo como último parada as instalacións do Punto Limpo. Alí achegáronse a nave de almacenamento de estruturante, onde se trasladan os restos de poda e limpeza de zonas verdes municipais para trituralas. O Concello dispón dunha trituradora municipal, que a expedición puido ver en funcionamento grazas á colaboración do alumnado de forestais do Obradoiro de Emprego xuvenil, e tamén conta con seis microtrituradoras de préstamo para a veciñanza. O uso desta maquinaria non só permite a obtención do material estruturante, fundamental no proceso de compostaxe, senón que tamén axuda a reducir as queimas de restos agrícolas e, en consecuencia, as emisións de gases á atmosfera.
Por último, os visitantes coñeceron o funcionamento do Punto Limpo, onde o responsable, Yoel Castro, lles explicou o proceso levado a cabo para a súa recuperación dende outubro de 2022, cando se atopaba abandonado pola anterior empresa concesionaria. O Concello, co apoio económico da Xunta, limpou e retirou os residuos que se atopaban acomulados na zona e, en abril de 2023, puxo de novo en marcha as instalacións cun sistema de xestión directa que, no primeiro ano, permitiu tratar case 360 toneladas de residuos.