- A actividade, que lles permitiu coñecer as prestacións e usos de distintas motoserras, tivo lugar no miradoiro de Beiro
- Comprobaron sobre o terreo como estas ferramentas poden axudarlles na actividade laboral
Valga, 9 de maio de 2024.
Os aprendices dos módulos de forestal dos obradoiros de emprego Xóvenes II e Ulla-Umia VII, que o concello de Valga desenvolve conxuntamente co de Moraña, asistiron a unha demostración sobre o uso de maquinaria destinada ao mantemento de zonas verdes.
A actividade realizouse na zona do miradoiro de Beiro a cargo da empresa Husqvarna e permitiu aos alumnos coñecer todas as prestacións e vantaxes de diferentes tipos de motoserras e outra maquinaria a batería e como estas poden axudar na actividade laboral.
Durante a xornada, que tivo unha duración dunhas tres horas, comprobaron sobre o terreo o funcionamento, aplicacións e resultados das distintas máquinas, reforzando deste xeito os contidos formativos deste módulo.
Nos obradoiros de emprego Xóvenes II e Ulla-Umia VII participan un total de trinta e seis persoas desempregadas que reciben formación nas especialidades de forestal, carpintería e albanelería.