- O alcalde participou esta mañá no Auditorio no acto de presentación da actividade
- Trataranse aspectos coma o fortalecemento da autoestima, a xestión das emocións ou hábitos saudables
Valga, 29 de abril de 2024.
Vinte e dúas persoas inscribíronse para participar no curso gratuíto de autocoidado e relaxación organizado polo Concello, a través do programa Corresponsables, co obxectivo de promover a saúde, tanto física como emocional.
O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, participaron esta mañá no Auditorio no acto de presentación da actividade, que será impartida por profesionais especialistas. O curso prolongarase durante os meses de maio e xuño, cos participantes divididos en dous grupos. Uns asistirán ás sesións os luns en horario de mañá e outros os xoves pola tarde.
Neste obradoiro abordaranse cuestións coma hábitos de vida saudables referidos, por exemplo, á alimentación e tamén á actividade física. Coñecerán técnicas de respiración e traballarán a mente, a autoestima e a xestión das emocións, aprendendo a afrontar situacións de estrés. As sesións combinarán aspectos teóricos con partes prácticas.