Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os aprendices de forestais plantaron varias especies de froiteiras neste espazo

- Con anterioridade xa cultivaran diferentes especies árboreas e de xardinería na Mina Mercedes e no Parque Dios Mosquera

PlantaciónMuseo1

Valga, 30 de abril de 2024.

As plantacións de arborado e outras especies ornamentais en diferentes espazos verdes e áreas de esparexemento do concello, que se están a levar a cabo a través do Obradoiro de Emprego Xóvenes II, continuaron nos últimos días no xardín do Museo da Historia.

Os aprendices da especialidade de forestais plantaron diferentes froiteiras, como laranxeiros, limoeiros e unha maceira rabiosa, neste espazo, que está situado na parte traseira do Museo.

Estes traballos correspóndense coa parte práctica do módulo de Repoboación Forestal, e con anterioridade xa se levaran a cabo na Mina Mercedes, onde se plantaron unha trintena de árbores, entre abeleiras, nogueiras, amendoeiras, freixos, cerdeiras, nísperos, un magnonio, un ameneiro, limoeiros e laranxeiros.

Ademais, no Parque Irmáns Dios Mosquera tamén realizaron tarefas de plantación, aínda que neste caso de especies de xardinería coma margaritas, azaleas, verbenas ou rododendros. Os alumnos crearon parterres para separar a zona de paseo da área de xogos na que se atopan a tirolina e os aparellos de calistenia e plantaron uns corenta exemplares destas especies.

O Obradoiro de Emprego Xóvenes II, no que participan dezaseis mozos de Valga e Moraña nas especialidades de forestais e albanelería, foi posto en marcha por estes dous concellos en outubro do pasado ano, cunha subvención da Xunta de Galicia. Está cofinanciado pola Unión Europea mediante o programa FSE+Galicia 2021-2027.

 

PlantaciónMuseo2 PlantaciónMuseo3

Volver