- Os traballos, que contarán coa participación dos propietarios, darán comezo a mediados de maio
- Nesta fase, que conta cun orzamento 115.000 euros, elaboraránse os planos que guiarán todo o proceso
Valga, 25 de abril de 2024.
Uns oitenta veciños e propietarios de terreos dos lugares de Martores, Vilares, Laceiras e Raxoi asistiron esta mañá a unha xuntanza na Casa da Cultura de Valga para informar sobre o inicio dos traballos do proceso de reestruturación parcelaria da parroquia de San Miguel. Asistiron o alcalde, José María Bello Maneiro; o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo; a xefa do servizo de Infraestruturas Agrarias, María José Perez; e técnicos da Consellería e da empresa que levará a cabo os traballos.
Na reunión explicouse aos asistentes que entre os días 13 e 15 de maio darán comezo a primeira fase do proceso: a elaboración das bases e dos planos que inclúan, con todo o detalle, cal é a situación actual dos terreos. A superficie afectada é de arredor de 150 hectáreas nas que existe un minifundismo importante, con máis de 2.100 parcelas dunha superficie media de 700 metros cadrados e que pertencen a uns 322 propietarios
Para o levantamento dos planos realizaranse convocatorias periódicas aos propietarios para que participen na localización de marcos e na fixación dos lindes e tamén para localizar calquera outro elemento existente: pozos, mananciais, camiños, muíños, fosas sépticas, servidumes... Para isto, “a colaboración veciñal é fundamental”, incidiu a xefa do servizo de Infraestruturas Agrarias, que pediu aos afectados que “vaian recopilando toda a documentación relacionada coa propiedade das fincas”, así como datos dos propietarios.
Nos planos resultantes destes traballos basearase todo o proceso de reestruturación e, especialmente, a distribución das novas parcelas.
En parelelo a estas tarefas constituiranse tamén os órganos que velarán polo correcto avance do proxecto: a Xunta Local e o Grupo Auxiliar de Traballo. A primeira estará formada por representantes da Xunta e do Concello, técnicos, persoal da empresa e catro representantes dos propietarios. O Grupo Auxiliar de Traballo integrarano entre 10 e 12 veciños residentes na zona que colaborarán no traballo de identificación e clasificación das fincas. Para elixilos convocarase proximamente unha asemblea.
Tamén antes de que remate a fase de elaboración das base, iniciarase o deseño da nova rede de camiños, para dotar ás novas parcelas dun acceso público.
O proceso de reestruturación parcelaria de San Miguel, que está declarado de interese público Xunta, e ten previsto un orzamento de arredor de 550.000 euros. Máis de 40.800 xa se investiron nos estudos de impacto ambiental, de viabilidade e de iniciación. A elaboración das bases terá un custo aproximado de 115.000 euros.