- Participaron nunha comida de confraternidade na que degustaron empanada, salpicón, polbo, carne e postre
- O xerente do Consorcio de Igualdade e Benestar acompañou ao alcalde e ao goberno local durante os actos
Valga, 7 de maio de 2018.
A XXI edición do Encontro cos Nosos Maiores, a festa anual en homenaxe á poboación máis veterana de Valga, congregou na xornada de onte a máis de 450 persoas.
Os actos comezaron ás 13 horas cunha misa oficiada polo cura de Setecoros, don Paulino Sánchez, no Auditorio Municipal. A continuación a celebración trasladouse ao pavillón municipal de Beiro, onde tivo lugar un xantar de confraternidade. O menú, elaborado por un grupo de veciños, incluíu empanada, salpicón de mariscos, polbo, sorbete de limón, carne e carneiro. De postre serviuse brazo de xitano e na sobremesa, champán e café.
Ao xantar asistiron os membros do goberno local, aos que acompañaron Perfecto Rodríguez, xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e o empresario Andrés Quintá, entre outros.
Trala comida o alcalde, José María Bello Maneiro, agasallou á muller e ao home de máis idade, Concepción Jamardo Neira e José Manuel Magariños Potel, un matrimonio do Sixto (Xanza) de 93 anos ela e 97 el. Tamén recibiron senllos agasallos dúas valguesas que onte celebraban o seu aniversario: María Torres Lorenzo e Herminia Magariños Trasande.
Durante a xornada sorteáronse entre os asistentes ducias de agasallos aportados por casas comerciais da zona. A festa rematou cun baile.